Campo Lameiro celebra cunha xornada de festa o seu nomeamento como Capital do Turismo Rural 2023

Umia
24 de xuño 2023

O descubrimento dun tótem conmemora esta efeméride, que converte a Campo Lameiro no primeiro municipio de Galicia en conseguir esta distinción

Celebración en Campo Lameiro polo seu nomeamento como Capital do Turismo Rural 2023 Concello de Campo Lameiro

Actos lúdicos, festivos, culturais e musicais serviron para conmemorar este sábado o nomeamento de Campo Lameiro como Capital do Turismo Rural 2023, tras gañar por votación popular un concurso organizado a nivel de toda España polo portal especializado EscapadaRural.

Trátase do primeiro municipio de Galicia en conseguir esta distinción.

Os actos iniciáronse cunha andaina polo roteiro do Maneses, unha visita guiada ao Parque Arqueolóxico da arte Ruestre e o descubrimento dun tótem conmemorativo por parte das autoridades presentes na Praza do Concello.

O encargado de desvelar o tótem foi o alcalde, Carlos Costa, acompañado por membros da corporación municipal, o director xeral de Gandeiría, Agricultura e Industria Agroalimentaria, José Balseiros, e o novo delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, ademais doutras personalidades como a vicepresidenta en funcións do Congreso dos Deputados, Ana Pastor, o ex delegado da Xunta en Pontevedra Luís López, e os alcaldes de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e A Lama, David Carrera.

As autoridades foron recibidas pola Banda de Música Unión Cultural de Campo Lameiro, que ofreceu un concerto na Praza do Concello, antes de dar paso ao xantar popular onde participaron preto de 200 persoas.

O alcalde, Carlos Costa, agradeceu "o apoio institucional e o traballo profesional do equipo de colaboradores que se uniron a este proxecto ambicioso e imposible de conseguir, pero con traballo e esforzo conseguiuse".

A xornada contaba ademais cunha programación musical que arrincaba ás 16.30 horas con Cantos de Taberna Sons do Peto e continuaba a partir das 18.00 horas con Os Coribantes de Buchabade a gaiteira Susana Seivane. Ademais actuaron a Charanga Os Encerellados, a compañía Queiman e Pousa co espectáculo 'Galicia Terra Meiga' e os djs Jorge Álvarez e Adrián Gold.