O Concello de Campo Lameiro vén de estrear o seu primeiro centro de compostaxe comunitaria. Instalado na carballeira situada a carón da Casa Consistorial, dará servizo á veciñanza da zona e ao bar restaurante Tito.
Os usuarios xa poden depositar nel os restos orgánicos do lixo para que se convertan en compost coa supervisión dos mestres composteiros. Todas as persoas que desexen participar na iniciativa poden poñerse en contacto co persoal técnico que estará pola zona para resolver todas as súas dúbidas e facilitar información.
A intención da Deputación e do Concello de Campo Lameiro ao instalar o centro de compostaxe comunitaria é tratar no mesmo lugar no que se producen os biorresiduos de varias ducias de veciños e do bar-restaurante.
Buscan así evitar que estes residuos vaian ao colector verde tradicional, teñan que ser recollidos polo camión e transportados a Sogama para a súa incineración, co custe ambiental e económico que iso supón.
O centro de compostaxe comunitaria de Campo Lameiro será atendido polo persoal técnico do Plan Revitaliza para garantir un correcto funcionamento e obter compost de boa calidade unha vez pasados os correspondentes meses de maduración.