Os veciños de Campolongo aseguran estar preocupados polo futuro dunha das súas principais reivindicacións, o proxecto para destapar o tramo cuberto do río Gafos. "Queremos saber se o van abrir ou non", aseguran os seus portavoces.
Así o sinalou o presidente da asociación de veciños San José de Campolongo, Juan Loureiro, que reclamou ao goberno municipal que "vai sendo hora de deixar de dar voltas e poñer desculpas" porque consideran que esta actuación é "fundamental" para a cidade.
Entenden que "igual é necesario" facer o estudo xeotécnico que encargou o Concello para analizar a viabilidade deste proxecto, pero os veciños non aceptarán que se renuncie a este proxecto ou que se poidan perder os fondos europeos asociados a el.
O destape do Gafos é unha actuación "transversal" para Pontevedra, segundo Loureiro, porque permitiría "darlle unha volta" ao barrio de Campolongo e, ao mesmo tempo, transformar a cidade e abrila "cara a un espazo máis verde".
"Xa está ben de que nos tenten tomar o pelo nesta historia", subliñou o dirixente veciñal, que teme que se se perde a subvención concedida por Europa este proxecto "desaparecerá do mapa de infraestruturas do Concello".
Juan Loureiro reiterou que "non pode ser que eses cartos vaian a outro sitio ou se perdan", polo que asegura que "se consideran que non é viable" destapar todo o tramo oculto do Gafos, polo menos o ffagan coa zona máis próxima a Alcalde Hevia.
Os veciños afirman que "nos dá igual" quen impulsara este proxecto no pasado mandato, porque "cando existe un goberno e unha obra se compromete xa queda comprometida", polo que pelexarán porque se cumpran as súas demandas.
A este respecto, avanzaron que a próxima semana reuniranse con diversos colectivos ecoloxistas, entre eles Vaipolorío, para facer unha fronte común e non descartan realizar un chamamento máis amplo a toda a cidadanía para defender esta actuación.