Nove edificios serán revisados no estudo xeotécnico para decidir o destape do río Gafos

Pontevedra
18 de outubro 2023

O Concello inicia a contratación deste estudo que para o concelleiro de Obras, César Mosquera, é obrigatorio segundo recolle a Lei de Contratos á hora de realizar calquera intervención destas características

César Mosquera, concelleiro de Mobilidade
César Mosquera, concelleiro de Mobilidade / Concello de Pontevedra

César Mosquera, concelleiro de Obras, anunciou que se inicia "en tempo récord" o proceso de contratación dun estudo xeotécnico que recolla unha análise xeolóxica, hidroxeolóxico e estrutural para acometer a demolición da estrutura do río Gafos no tramo que percorre Alcalde Hevia ata Xeneral Antero Rubín.

O obxectivo é non perder os fondos europeos para realizar a obra, segundo indicou o edil.

O orzamento deste estudo sitúase ao redor dos 14.900 euros. Mosquera defendeu a necesidade deste traballo amparándose no artigo 233 da Lei de Contratos, que recolle que no contido dos proxectos e na responsabilidade derivada da súa elaboración debe incluírse un estudo geotécnico dos terreos sobre os que se vai a executar. 

O concelleiro engadía que "non se pode tramitar ningún contrato sen isto", como defendía Iván Puentes, portavoz municipal do PSOE. O edil nacionalista sinala que se chega a Contratación ou a Intervención sen este estudo sería devolto ao tratarse dun documento obrigatorio.

Mosquera apuntou tamén que cando se encargou o estudo de viabilidade xeométrica en 2019 xa figuraba na oferta que o proxecto básico deberá apoiarse en "informes topográficos, xeotécnicos e estudos de impacto ambiental e patoloxías".

O estudo que se acometerá analizará a situación de nove edificios situados nese tramo en Campolongo analizando a cimentación dos inmobles tanto públicos como privados, entre os que se atopan os centros escolares, ademais das resistencias e a composición dos terreos para determinar as actuacións que se poden desenvolver no destape do río Gafos.

COCHE DE PUNTO

Mosquera, como presidente da comisión de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos, tamén anunciou que no próximo pleno vai debaterse a nova ordenanza do taxi na que se trata o denominado coche de punto que se inclúe na proposta de transporte a demanda. Na comisión, todos os grupos políticos apoiaron a medida.

Tamén se rexistrou unanimidade nunha moción relacionada cos parques infantís e tratouse, fóra da orde do día, a moción de alcaldía en relación co Pacto de Pedre, que promoven os alcaldes para a reforma da N-541 e solicitar unha vía de alta capacidade para unir as provincias de Pontevedra e Ourense. Ambos os temas tamén se debaterán no próximo pleno.