O inicio do estudo xeotécnico para demoler a canalización do Gafos é "inminente"

Pontevedra
03 de novembro 2023

Entre finais de ano e principios de 2024. É a data na que o goberno municipal confía en contar co estudo xeotécnico, hidrolóxico e estrutural para tomar as "decisións pertinentes" para o destape do río Gafos, ao seu paso polo corazón do barrio de Campolongo

Tramo soterrado do río dos Gafos
Tramo soterrado do río dos Gafos / PontevedraViva

Entre finais de ano e principios de 2024. É a data na que o goberno municipal confía en contar co estudo xeotécnico, hidrolóxico e estrutural para tomar as "decisións pertinentes" para o destape do río Gafos, ao seu paso polo corazón do barrio de Campolongo.

Así o destacou este venres o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que celebrou que "en tempo récord" os servizos técnicos tramitaran todo este expediente e se pudiera adxudicar este estudo, que custará uns 15.000 euros.

O inicio dos traballos para elaborar este informes, que durarán mes e medio, será "inminente", segundo Fernández Lores, que reiterou que o Concello intentará "por todas as vías" estudar a viabilidade para recuperar e destapar o río Gafos ao seu paso pola cidade. 

"A idea é estudar a viabilidade do proxecto e salvar os fondos concedidos para esta obra", subliñou o alcalde, que reiterou que "como dixen no seu día" o Concello non iniciará ningunha actuación "que non teña todas as garantías" de que non afectará aos edificios de Campolongo. 

Este estudo será, sostivo o rexedor pontevedrés, "básico e fundamental" para adoptar unha decisión sobre esta actuación. De aí a importancia, dixo, de telo "no menor tempo posible".