Xa está aberta ao paso peonil a nova pasarela situada por baixo da ponte da avenida da Estación. Cunha estrutura de madeira este acceso permite a conexión pola senda do río Gafos entre a zona do Gorgullón coa avenida Josefina Arruti.
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, acompañado polo concelleiro responsable de Servizos urbanos básicos, Xaquín Moreda, visitaban este espazo que se acometeu con motivo das obras de reforma da estación de autobuses.
O rexedor indicou que se trataba dunha "obra necesaria" que se executou a través do convenio asinado coa Xunta de Galicia no que o Concello investiu un millón de euros e que permitiu destapar un tramo cuberto do río Gafos, que se utilizaba para acceso á estación de autobuses.
Esta estrutura de madeira, que foi ocupada por persoas indixentes durante as obras sufrira un incendio, que provocou o atraso en que se puidese abrir para o uso peonil.
Lores sinalou que agora se están realizando obras de emerxencia por caída de pedras na senda do Gafos, desde a avenida da Estación ata Campolongo. Durante as próximas semanas, van repoñerse pasarelas de madeira en malas condicións, ademais de recuperar o pavimento de granito descomposto, que se viu afectado polas crecidas do río durante o mes de novembro con motivo das fortes precipitacións.
"Somos uns privilexiados á hora de ter un río urbano", apuntou o alcalde de Pontevedra que lembrou que continúan os estudos sobre o destape do río ao seu paso por Campolongo e que espera que, en datas próximas, póidanse abrir os tramos do paseo desta senda cando finalicen os traballos de mellora.