Solicitan que o concurso de ideas do Gafos estenda o ámbito de actuación

Pontevedra
22 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

O grupo municipal do PSOE insta ao Goberno Local "a deixarse de dilacións" e a impulsar "canto antes" o proxecto para liberar e renaturalizar o río dos Gafos en Campolongo

Os concelleiros do PSOE visitaron a restauración da Tablada
Os concelleiros do PSOE visitaron a restauración da Tablada / PSOE de Pontevedra

O grupo municipal do PSOE insta ao Goberno Local "a deixarse de dilacións" e a impulsar "canto antes" o proxecto para liberar e renaturalizar o río dos Gafos en Campolongo.

O portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, lembrou que o Concello dispón xa de 2,3 millóns de euros concedidos polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e subliñou a importancia dun proxecto "que mudará o corazón urbano". "Xa perdemos suficiente tempo cun xeotécnico tan inútil como intempestivo"

Os socialistas incidiron ademais na necesidade de que "o Goberno Local continúe a captar novos fondos para estender o ámbito do proxecto de renaturalización do Gafos máis aló do tramo canalizado en Campolongo". 

Puentes defende que o concurso de ideas abranga un ámbito de actuación que se prolongue máis aló do tramo canalizado en Campolongo, abarcando todo o treito entre a avenida de Vigo e a desembocadura do río, permitindo o deseño dun anteproxecto integral, cun tratamento homoxéneo, "en lugar de abordar as actuacións a 'cachiños', de xeito individual".

"Debería abranguer non só ao treito que se atopa canalizado, senón tamén prolongarse cara Ponte Boleira e, de Rosalía de Castro cara abaixo, cara á desembocadura do río no barrio de San Roque", dixo.