O paseo dos Gafos deixa de estar a escuras con 40 farois de aceiro

Pontevedra
23 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

O paseo do río dos Gafos entre a estación de autobuses e a rúa Alcalde Hevia deixa de estar a escuras. Esta senda peonil tiña pouca de iluminación nos últimos tempos, coa conseguinte situación de perigosidade para os usuarios e veciños da zona, pero o Concello acaba de poñerlle solución co cambio de luminarias

Farol no paseo dos Gafos
Farol no paseo dos Gafos / Concello de Pontevedra

O paseo do río dos Gafos entre a estación de autobuses e a rúa Alcalde Hevia deixa de estar a escuras. Esta senda peonil tiña pouca iluminación nos últimos tempos, coa conseguinte situación de perigosidade para os usuarios e veciños da zona, pero o Concello acaba de poñerlle solución co cambio de farois. 

A actuación consistiu no cambio a led de toda a iluminación. En total, cambiáronse 40 luminarias e, nalgúns casos, os mastros que estaban deteriorados.

A Concellaría de Servizos urbanos básicos realizou esta intervención en distintas fases, xa que os traballos obrigaron a retirar a parte superior dos farois de aceiro cortén para substituír as luminarias. Para non deixar todo o paseo a escuras e eliminar os poucos farois que funcionaban, optouse por ir cambaando por partes.

Desde o Concello de Pontevedra explican a través dun comunicado que a intervención na iluminación da senda urbana dos Gafos "era un dos traballos que estaba priorizado por parte do concelleiro Xaquín Moreda para ir recuperando a boa imaxe do paseo" logo de "varios anos sen case mantemento".

O Concello indica que a falta de orzamento e o mal tempo condicionaron os ritmos das reparacións, que poderán incrementar coa chegada da primavera e a entrada en vigor das contas municipais de 2024.

O mantemento no Gafos "obedece á orde dada polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, para que o tramo urbano do Gafos vaia recuperando o seu esplendor de anos atrás", sinala o Concello, xa que se trata dun dos espazos máis visitados e empregados polos veciños de Pontevedra.

Nos últimos meses, o Concello reparou e abriu a pasarela peonil de madeira por debaixo da avenida da Estación que une a senda do Gafos con Josefina Arruti; reconstruíu o muro pétreo da canle do Gafos para evitar que as augas do río saíran do seu leito e afectasen á senda urbana; mellorou parte da senda de xabre, especialmente naqueles puntos máis perigosos; reparou e limpou os tramos da cuberta do Gafos que permanecen pechados pola súa perigosidade e que se manterán así até apertura do río; reparou a pasarela instalada ao carón do CEIP Campolongo, afundidada por unha varredoiro de Prezero.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora