A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo será sede do Instituto de Investigación en Ciencias do Deporte (Incide).
A última sesión ordinaria do Claustro Universitario da Universidade de Vigo, celebrado este martes en Ourense, aprobou a creación do centro.
Este centro nace co obxectivo de converterse nunha plataforma de referencia para o desenvolvemento do coñecemento científico nos ámbitos do exercicio físico, a saúde, o rendemento deportivo e a educación física.
Será o primeiro instituto de investigación do campus de Pontevedra e o quinto que se pon en marcha na Universidade de Vigo, abranguendo once liñas de investigación e propósito tanto de contribuír á potenciación dos estudos neste eido como da transferencia do coñecemento á sociedade e ao tecido deportivo.
A creación do Incide deberá ser ratificada polo Consello de Goberno e do Consello Social.
A vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, incidiu en que, no marco da aposta pola creación deste tipo de organismos, detectouse "a necesidade" de impulsar un centrado nunha área "na que somos fortes na Universidade", como son as ciencias do deporte.
Promovido por doce docentes, o Incide ten como investigadores garantes os catedráticos Carlos Ayán, Roberto Barcala, José María Cancela e Carlos Lago.
O seu propósito, salientou Rubio, é converterse nunha "plataforma de referencia para a promoción e o desenvolvemento do coñecemento científico no ámbito do exercicio físico, a saúde, o rendemento deportivo e a educación física", contribuíndo ao avance do coñecemento científico nestes ámbitos "e á mellora da calidade de vida da sociedade".
Nace "co propósito de contribuír de xeito multidimensional aos retos da práctica de actividades físico-deportivas na sociedade actual", polo que foi concibido como un "centro multidisciplinar", que parte dunha "visión ampla do deporte".