O campus universitario comprométese coa recuperación do galego

Pontevedra
15 de maio 2025

A Facultade de Comunicación acolleu un evento polo Día das Letras Galegas no que se lle outorgou o distintivo de galeguización Gal Ego

A Universidade de Vigo celebrou o Día das Letras Galegas
A Universidade de Vigo celebrou o Día das Letras Galegas / Universidade de Vigo

A Facultade de Comunicación acolleu este xoves o acto central da Universidade de Vigo para conmemorar o Día das Letras Galegas.

A institución académica reafirmou o seu compromiso da comunidade universitaria a prol do idioma galego.

A implicación da Facultade de Comunicación co idioma foi recoñecida co distintivo de galeguización Gal Ego.

Emma Torres, tras recibir o distintivo Gal Ego
Emma Torres, tras recibir o distintivo Gal Ego    Universidade de Vigo

Tamén se puxo en valor a capacidade creativa da comunidade universitaria coa entrega dos Premios de poesía, relato curto e tradución 2025.

Do mesmo xeito, este acto serviu tamén para enxalzar o papel das cantareiras na preservación do patrimonio oral, a través da conversa entre o músico e compositor Xabier Díaz e a creadora de contido e egresada da facultade Nuria Grandío.

Na apertura deste acto o reitor, Manuel Reigosa sinalou que "estamos celebrando o que somos e o que queremos ser".

O reitor reivindicou o papel da Universidade de Vigo como "un faro que permita incrementar o uso do galego", para incidir logo en que "non creo que haxa ningunha sociedade no mundo que renuncie a súa identidade".

O galego, lembrou Reigosa, é xunto á internacionalización e á igualdade un dos piares da UVigo, recollidos no seu plan estratéxico, o que levouno a subliñar o "forte compromiso" da institución porque "na Universidade se fale continuamente en galego".

Nese senso, Reigosa defendeu que, a pesar de que "estamos moi lonxe" a día de hoxe, "imos ser quen de recuperar o galego". 

Actuación do grupo As Sarandilleiras
Actuación do grupo As Sarandilleiras    Universidade de Vigo

Este acto institucional contou tamén coa intervención do secretario xeral da Lingua, Valentín García, quen, ao igual que Reigosa, puxo en valor o legado que supón a tradición oral, para logo incidir en que Galicia ten na súa lingua e na súa cultura "unha fortaleza" e sinalar que "o plurilingüísimo é un sinal de madureza cultural".

Conducida pola vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, esta conmemoración contou coa asistencia da xerenta da Universidade, Yolanda Lesmes; da secretaria xeral, María José Bravo; e das vicerreitoras de Profesorado e Ordenación Académica, Adela Sánchez; e do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón; así como do deputado provincial Jorge Cubela e do subdelegado de Defensa, Miguel Constantino Cortés. 

A Universidade de Vigo celebrou o Día das Letras Galegas
A Universidade de Vigo celebrou o Día das Letras Galegas   Universidade de Vigo