O campus de Pontevedra é este curso o que acada a maior taxa de ocupación de toda a Universidade de Vigo, cun 107%. Hai 824 persoas matriculadas en 770 prazas ofertadas.
Pechado o sexto prazo de matrícula, en Vigo esa taxa é do 104% (con 2018 matriculado en 1967 prazas) e en Ourense, do 101% (1027 matriculados en 1015 prazas).
Os datos fíxoos públicos este luns o Diario da Universidade de Vigo (DUVI) con motivo o inicio do curso 2025/2026, no que haberá 3.869 estudantes matriculados nas 3752 prazas de novo ingreso de grao ofertadas
O reitor, Manuel Reigosa, deu a benvida ao alumnado neste inicio de curso e cualificou de "magníficos" os datos de matrícula acadados nos tres campus neste curso (a falta dos últimos prazos).
O curso chega con varias incorporacións. En Pontevedra estréanse dous novos programas de mestrados: o máster en ciencia do exercicio, preparación física e readaptación e o de creación artística contemporánea.
A vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón, sinalou que a falta de completarse os últimos chamamentos, só o Grao en Enxeñaría Forestal conta "cunhas poucas prazas vacantes" para alumnado de novo ingreso.

Este novo curso virá tamén marcado en Pontevedra pola posta en marcha do Instituto de Investigación en Ciencias do Deporte, o primeiro que se crea en Pontevedra, á vez que polos traballos para acadar a acreditación do proxecto de especialización Campus Crea.
Lantarón destaca que as expectativas son tamén que sexa un ano no que, con todos os decanos e directores, "fagamos un proxecto de campus", pensando non só na instauración dalgún novo grao, senón tamén nas posibilidades de construír algunha nova infraestrutura co propósito de que creza o campus, para o que é indispensable o apoio da Xunta de Galicia e do Concello de Pontevedra.
A actividade docente do primeiro cuadrimestre, que arranca este luns, estenderase ata o 23 de xaneiro, mentres que o segundo cuadrimestre botará a andar o 27 de xaneiro e concluirá o 5 de xuño.
