Cáncamo Mariscos, El Cafetín e Café Central, gañadores da final de PontedeTapas 2014

Pontevedra
15 de decembro 2014

Cunha gala celebrada no auditorio de Afundación, o concurso de tapas de Pontevedra despediuse ata o próximo ano. Nela, un xurado especializado elixiu aos gañadores desta edición nas tres categorías a concurso: tapa tradicional, tapa creativa e cócteles. Os premios ás mellores tapas foron, respectivamente, para Cáncamo Marisco, El Cafetín e Café Central

Gala final da sétima edición do certame Pontedetapas
Gala final da sétima edición do certame Pontedetapas / Mónica Patxot

Broche de ouro para Pontedetapas 2014. Cunha gala celebrada no auditorio de Afundación, o concurso de tapas de Pontevedra despediuse ata o próximo ano. Nela, un xurado especializado elixiu aos gañadores desta edición nas tres categorías a concurso: tapa tradicional, tapa creativa e cócteles. Os premios ás mellores tapas foron, respectivamente, para Cáncamo Marisco, El Cafetín e Café Central.

Todos eles tiveron que preparar en directo unha das creacións premiadas e explicar a súa composición. Cáncamo Marisco, co seu 'Trío Marino', impúxose á 'Carrilleira de porco con cromesqui ao viño mencía' do local Cre-cotté e ao 'ÿrase unha vez un polbo na horta' da tapería Dejavi.

Na categoría de tapa creativa triunfou a reinvención da 'Empanada de bacalao con pasas' de El Cafetín, mellor valorada polo xurado que o 'Bacallao de patente de allada' de Tábula Rasa e o 'Dim Sum de caldo galego' da vinoteca Envero.

Para rematar, entre os cócteles o gañador foi o Café Central co seu 'Delicia central', que se levou o premio por diante do 'Mesturas' da cervecería PTV e do 'Marilyn Frapé' do Pub Marilyn.

Todos eles recibiron o correspondente diploma, ao ser as mellores propostas que presentaron os 45 locais participantes nesta sétima edición de Pontedetapas.

O xurado da presente edición estivo presidido por Javier Olleros (chef do restaurante Culler de Pau) e contou coa colaboración de Inés Abril (chef do Maruja Limón e participante no programa televisivo Top Chef) e Marco Varela (chef profesional), ademais do barman Diego Mosquera e o actor Rubén Riós.

Ademais, durante o transcurso da gala entregáronse os premios aos locais con maior puntuación do público, que foron Loaira, Casa Verdún e Taberna Zentola, aos que se uniu en cócteles o PTV.

Tamén puideron recoller os seus premios os clientes que resultaron galardonados por realizar unha consumición nalgún dos locais participantes. Entregouse unha viaxe a Roma para dúas persoas e cheques de compra no comercio local, valorados entre os 100 e os 500 euros.