O cancro de mama é o tumor máis máis frecuente na muller en todo o mundo.
Na provincia de Pontevedra, segundo datos do Observatorio da Asociación Española contra o Cancro (AECC), é o segundo con maior incidencia cun total de 761 mulleres diagnosticadas no ano 2023 e estímase que en 2024, diagnostíquense, 774 novos casos.
Grazas á mobilización da sociedade e aos esforzos realizados en investigación, prevención e detección precoz, o de mama ten na actualidade unha taxa de supervivencia neta a 5 anos do 85,5%.
Segundo o estudo realizado por esta asociación, máis dun terzo das enquisadas recoñece ter mala calidade de vida por síntomas e problemas físicos, emocionais, sociais e económicos derivados da enfermidade e os tratamentos, o que evidencia que tras o cancro hai unha realidade que necesita ser abordada e atendida.
A AECC en Pontevedra quixo pór o foco nestas necesidades, de pacientes e sobreviventes, con motivo do Día Mundial do Cancro de Mama nun almorzo informativo que contou coa presenza de Carmen García e Alejandra Santos, psicólogas da Asociación; Begoña Graña, xefa de Servizo de Oncoloxía da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés e os testemuños de Isabel Pereira, paciente de cancro de mama; Mª Carmen Bermúdez, sobrevivente e Emilio Barrabás, familiar de paciente de cancro de mama.
Mª Carmen Bermúdez explicou que "no meu caso o que máis me preocupaba era o traballo. Eu estaba moi a gusto, pero sentía moito medo e eu dicía: eu non vou poder traballar. (…) Ao final estou cunha incapacidade permanente desde hai tres anos".
Entre os principais problemas físicos polos que se preguntaron na investigación, o 46% das pacientes senten dor habitualmente e o 50,5%, fatiga. O mesmo porcentaxe (50%) recoñece ter deterioración cognitiva persistente, o que significa problemas de memoria, capacidade de aprendizaxe, concentración, razoamento ou atención.
No referente ao malestar emocional, 2 de cada 3 (67%) afirma ter medo á recaída, e a metade das participantes afirman sentirse preocupadas pola súa imaxe corporal e aparencia física.
"É moi difícil camiñar soa. Os pacientes necesitamos moita axuda. Claro que o importante é curarse do cancro pero, si que é verdade, que fisicamente o teu corpo non é o mesmo e emocionalmente tampouco es a mesma. Os pacientes temos moitísimos medos, moitísima incerteza e iso tradúcese, ao final, en ansiedade. Nuns niveis de ansiedade moi altos, conciliar o soño é difícil, comer ben…" sinalou Isabel, paciente de cancro de mama.
En canto ás relacións interpersoais, máis da metade das enquisadas (52,9%) manifestan problemas de sexualidade: o 45,6% sentiuse molesta por ser incapaz de manter relacións sexuais; o 48% sentiuse insatisfeita coa súa vida sexual e o 55,1% evitou a actividade sexual con frecuencia, moi a miúdo ou sempre, segundo os resultados do estudo.
A familia é en moitas ocasións o principal apoio para as pacientes e tamén deben afrontar situacións derivadas da enfermidade, como pode ser o proceso do tratamento, tal e como apunta Esteban, familiar dunha paciente con cancro de mama. "O momento que che din o que ten a persoa e non saber nada sobre o tema. O máis forte para nós foi a radioterapia. Atopamos que esa situación foi moi forte para min e toda a familia".
"Eu vía como ao meu marido caíallen as bágoas. El foi o que se encargou de pedir toda a información ao médico", sinalaba Mª Carmen.
Segundo datos da Asociación, no pasado ano atendéronse na provincia a un total de 524 beneficiarios relacionados con este tipo de cancro (402 pacientes e 122 familiares), en máis de 2.022 sesións entre os servizos de atención psicolóxica e atención social.
Na cidade de Pontevedra, a cifra é de 85 beneficiarias (65 pacientes e 20 familiares) nun total de 373 sesións.
Con motivo do Día Mundial do Cancro de Mama a AECC ten en marcha a campaña: "O rosa é só rosa, pero contigo é apoio e investigación".
