Evocar recordos a través da gastronomía. Ese foi o obxectivo da iniciativa Os sentidos da memoria, na que participaron os cociñeiros do Grupo Nove.
Entre eles estiveron os pontevedreses Javier Olleros, Iñaki Bretal, Pepe Vieira e Yayo Daporta.
O catro, xunto co resto dos seus compañeiros, quixeron cociñar con persoas cun estadio leve ou moderado de alzhéimer para recuperar recordos vinculados á comida e transformalos en experiencias sensoriais a través da cociña.
Así, os participantes puideron revivir aromas, sabores e texturas asociados a momentos da súa vida, demostrando como a gastronomía pode ser unha ferramenta para reforzar a memoria, a emoción e o benestar.
Trinidad Iglesias, que cociñou con Iñaki Bretal; Luisa González, que o fixo con Javier Olleros; Nemesia Pérez, que participou xunto a Yayo Daporta; ou Rosalía Alonso, con Pepe Vieira; son catro das protagonistas desta campaña.

De todo este proceso xa vira a luz un recetario, que incluíu receitas típicas de cada localidade e historias de reminiscencia das persoas usuarias.
Pero agora naceu un vídeo que recolle os momentos compartidos nos fogóns entre os chefs do Grupo Nove e os participantes reunidos pola Federación Alzhéimer Galicia (FAGAL).
Na peza, que se acaba de publicarse en redes sociais, plásmase a complicidade vivida durante a experiencia entre os cociñeiros e estes pacientes con alzhéimer, maioritariamente mulleres.
O resultado é un vídeo alegre, tenro e chep de humor, capaz de arrancar sorrisos e transmitir a importancia que ten a memoria culinaria como parte da vida e a identidade.
Coa súa participación en Os sentidos da memoria, os integrantes do Grupo Nove buscan seguir contribuíndo a que a gastronomía de Galicia siga sendo unha ferramenta de transformación social e de posta en valor da identidade propia.

