'Cando volves?', campaña da Deputación en FITUR, potencia o turismo no interior da provincia

Pontevedra
23 de xaneiro 2025
Actualizado: 19:45

Na xornada deste xoves, Luis López, presidente provincial, presentaba acompañado por Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia, unha campaña promocional con tres pezas audiovisuais sobre as posibilidades turísticas das Rías Baixas

Presentación de Cando volves? en FITUR
Presentación de Cando volves? en FITUR / Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra despregou este xoves en FITUR todo o potencial turístico da provincia coa presentación da súa nova campaña "Cando Volves?", unha iniciativa que busca poñer en valor os atractivos do interior das Rías Baixas e romper coa estacionalidade do sector.

Nun acto celebrado no stand de Turismo de Galicia e conducido pola xornalista Noa García, o presidente provincial Luis López, acompañado polo presidente da Xunta Alfonso Rueda, presentou esta ambiciosa campaña que inclúe tres pezas audiovisuais.

"Rías Baixas é a viaxe que nunca remata. A actividade no interior non pausa cando termina o verán, logo chega a vendima, despois o magosto, o Nadal, o Entroido, florece a camelia... Sempre hai boas razóns para volver", destacou López.

Como símbolo da campaña, presentouse unha cunca conmemorativa elaborada pola artesá viguesa Olalla Lojo, que representa a tradición e a aposta pola sustentabilidade do territorio.

Ademais, anunciouse o lanzamento dunha serie documental que amosará as múltiples posibilidades do interior, desde a observación de estrelas ata o termalismo ou a interpretación de petróglifos.

A xornada en FITUR incluíu tamén a presentación do Club da Lamprea do Condado e a Paradanta, unha iniciativa que conta con 1,5 millóns de euros de fondos europeos dentro do Plan de Sustentabilidade Turística.

"As opcións para facer turismo, igual que para desfrutar da lamprea, son case infinitas, pero a mellor está nas Rías Baixas. Xa non é ningún segredo, porque cada ano somos máis: os que nos descubren e os que volven", subliñou López.

O presidente provincial tamén nunha degustación de centola promovida polo Concello do Grove.

Luis López acompañado polo alcalde de Ribadumia e do Grove
Luis López acompañado polo alcalde de Ribadumia e do Grove. Deputación de Pontevedra

Os datos avalan esta estratexia: a provincia de Pontevedra acapara xa un terzo dos visitantes que chegan a Galicia, é o destino favorito da España verde e rexistrou un crecemento do 25% no turismo internacional o pasado verán.

A xornada completouse coa entrega dos premios SICTED, onde o Destino Terras de Pontevedra Norte-Deza-Tabeirós recibiu o primeiro premio na categoría de Mellor Visibilidade do Destino en Medios, mentres que a Casa do Patrón de Lalín obtivo o terceiro premio ao Servizo Técnico máis Competitivo.

A axenda tamén incluía a participación da deputada de Turismo, Nava Castro, nas presentacións da campaña "Para lembrar" de Galicia Suroeste, da segunda edición da media maratón "Entre Rías" entre O Grove e Sanxenxo, e na proposta da Mancomunidade do Salnés "Outra forma de facer o camiño", rematando coa gala Noite Q de Calidade no Palacio de Cibeles.

Campaña da Lamprea en Fitur
Campaña da Lamprea en FiturDeputación de Pontevedra
A Deputación presenta a campaña Cando volves? en FITUR
A Deputación presenta a campaña Cando volves? en FITURDeputación de Pontevedra