Canelas estreará o seu parque biosaudable e de calistenia a finais de maio

Sanxenxo
26 de abril 2022

O parque infantil da Rúa Calvario, en Portonovo, que se atopaba moi deteriorado dará paso a un espazo no que poderá convivir gran parte da poboación. Será coa creación dunha área biosaudable que permitirá ademais a práctica da calistenia. Os traballos para habilitar este novo equipamento deportivo comezaron este martes 

Traballos previos para o parque biosaudable de Canelas
Traballos previos para o parque biosaudable de Canelas

O parque infantil da Rúa Calvario, en Portonovo, que se atopaba moi deteriorado dará paso a un espazo no que poderá convivir gran parte da poboación. Será coa creación dunha área biosaudable que permitirá ademais a práctica da calistenia.

Os traballos para habilitar este novo equipamento deportivo comezaron este martes coa retirada dos elementos de xogo do vello parque.

Estes labores previos son necesarios para poder estender o pavimento de caucho de entre 3 e 11 centímetros de espesor no espazo destinado a calistenia e de céspede artificial no resto da zona de aparellos biosaudables.

Tras esta actuación, instalaranse xa os elementos de exercicio de toda esta área.

Este parque en Canelas contará cunha serie de módulos colocados de forma secuencial para que se vaia traballando os grupos musculares do tren superior e inferior e do tronco.

Así, instalarase un elemento de calistenia nun espazo diferenciado dentro da mesma área deportiva e un parque biosaudable con bicicleta estática, unha roda grande, dous pedais estáticos, unha cadeira para adestrar pectorales, un esquí de fondo, un remo, un slalom, un xiro de cintura e uns patíns.

O custo do novo equipamento ascende a 40.000 euros e as obras prevén estar finalizadas a finais do próximo mes de maio.