Caneliñas, Bascuas, Pragueira e Foxos tamén contan con socorristas

Sanxenxo
28 de xuño 2021

Nestes catro arenais o servizo comezou a prestarse este luns 28. O Concello de Sanxenxo afirma que xa ten contratados 74 profesionais de Salvamento para cubrir a totalidade das 17 praias con bandeira azul do municipio. Ciudadanos demanda que a tempada de prestación deste servizo de socorrismo comece o 15 de xuño e remate o 15 de setembro

Praia de Caneliñas en Sanxenxo
Praia de Caneliñas en Sanxenxo

Na mañá deste luns 28 as praias de Caneliñas, Bascuas, Pragueira e Foxos comezaban a contar co servizo de socorrismo e sumábanse aos seis areais nos que xa funcionaba desde o venres 25, Silgar, Areas, Canelas, Montalvo, Baltar e A Lanzada.

Segundo indican desde o goberno local, as sete praias restantes con bandeira azul irán incorporando socorristas nos próximos días para que estean todos operativos a partir do 1 de xullo.

Desde o Concello indican que os contratos de tres meses que se están asinando ao persoal de salvamento permitirán que as 17 praias con bandeira azul este verán dispoñan deste servizo durante máis días do habitual. Neste sentido, indican que as 13 praias que outros veráns finalizaban esta actividade o 31 de agosto, neste 2021 prolongarase ata mediados de setembro. Contratáronse 74 profesionais de Salvamento para os 17 areais, segundo indica o goberno de Telmo Martín.

A limpeza dos baños das praias realizarase cada hora e media, de 11.00 a 20.00 horas, de luns a domingo. Cada módulo contará cun contacto de teléfono móbil para que os usuarios vía  whatsapp poidan enviar comentarios sobre o estado en que se atopan as instalacións. Cada módulo contará con papel e xabón, ademais de xel  hidroalcohólico. Esta subministración será controlada cada hora e media coincidindo coa limpeza para asegurar a presenza destes produtos.

CRÍTICAS

Desde Ciudadanos cualifícase a xestión do servizo de socorrismo de Telmo Martín como "chapuza". Afirman que en anos anteriores prestábase servizo de socorrismo nos meses de xuño e de setembro en máis de cinco praias do municipio, chegando a oito areais nalgún verán. Critican que este ano se reduza a catro areais esta prestación do servizo en xuño e setembro.

A formación esixe a prestación do servizo de salvamento desde o 15 de xuño ata o 15 de setembro en polo menos dez areais, incluíndo tamén os servizos de aseos públicos, chiringuitos e pasarelas.