Soben os contaxios por covid entre os socorristas de Sanxenxo, con 27% do seu persoal de baixa

Sanxenxo
17 de xullo 2021

O cribado realizado ao persoal de salvamento detectou 6 novos contaxios. En total 22 dos 80 profesionais do servizo permanecen de baixa por dar positivo ou ser contactos estreitos, o que obrigou a baixar varias bandeiras azuis en praias do municipio

Socorrista en Sanxenxo
Socorrista en Sanxenxo / Mónica Patxot

O cribado realizado ao persoal do servizo de socorrismo en praias de Sanxenxo incrementou o número de profesionais afectados pola covid.

As probas detectaron seis novos positivos obrigando a illar por precaución cinco contactos estreitos. Desta forma das 11 baixas notificadas o pasado xoves pasouse este sábado a un total de 22 (8 positivos e 14 por ser contacto estreito).

O cribado realizouse a un total de 69 socorristas dos 80 que conforman o servizo.

A pesar de agravarse a situación, o Concello de Sanxenxo informou que grazas á contratación de novo persoal e á reorganización do servizo permitiu dotar de salvamento á praia Area de Agra.

Desta forma as dúas únicas praias que se atopan sen o servizo, e por tanto víronse obrigadas a baixar as súas bandeiras azuis, son A Lapa e A Lanzada.