A capital impulsa un macrocontrato de case 5,5 millóns para renovar firmes en toda a cidade

Pontevedra
13 de marzo 2026

A alcaldesa en funcións, Eva Vilaverde, explicou este xoves que cinco empresas optan a esta actuación, dividida en catro lotes

Traballos de asfaltado en Monte Porreiro
Traballos de asfaltado en Monte Porreiro / Concello de Pontevedra - Arquivo

O Concello de Pontevedra deu un novo paso no seu plan de mellora do espazo público coa apertura das ofertas para o gran contrato de pavimentacións e rehabilitación de firmes bituminosos da rede viaria municipal.

A alcaldesa en funcións, Eva Vilaverde, explicou este xoves que cinco empresas optan a esta actuación, dividida en catro lotes e cun orzamento global próximo aos 5,5 millóns de euros.

Segundo indicou Vilaverde, estes traballos dan mostra da "aposta potente" que está facendo o Concello "pola mellora do viario e do espazo público”, afirmou.

A rexedora en funcións asegurou que "toda a cidade vai sufrir unha renovación e unha mellora evidente con este contrato".

As empresas que presentaron ofertas son E.C. Casas, cunha proposta económica de 4.490.310 euros polos catro lotes licitados; Construcciones Fechi, S.L.U., que oferta 4.842.493 euros; Construcciones Obras y Viales, S.A. (COVSA), con 4.503.514 euros; Movimientos de Áridos y Construcciones de Arosa, S.L., con 4.611.056 euros; e Nemesio Ordóñez, S.A., que concorre unicamente ao lote correspondente ao repavimentado no solo empresarial cunha oferta de 1.142.830 euros.

A apertura das ofertas supón o inicio da fase de avaliación técnica e económica das propostas, paso previo á adxudicación dun contrato que permitirá renovar firmes deteriorados e mellorar a seguridade e a calidade do viario en distintos puntos do municipio.

Na mesma xornada tamén se abriron as ofertas para a elaboración dun estudo sobre o mercado residencial no concello. Neste caso presentouse unha única empresa, Ingeniería Insular, cunha oferta de 74.371 euros.

Vilaverde explicou que o obxectivo é contar cunha análise detallada da situación da vivenda en Pontevedra. O estudo examinará aspectos como o mercado do alugueiro, a compravenda de inmobles ou a posible existencia de zonas tensionadas, entre outras cuestións relacionadas co acceso á vivenda no municipio.

Outro dos asuntos abordados na Xunta de Goberno Local deste xoves foi o inicio da licitación do servizo de supervisión das atraccións de feira durante as principais festas da cidade. O Concello aprobou o expediente para contratar a revisión das instalacións das celebracións do Santiaguiño e da Peregrina entre 2026 e 2029.

O contrato contará cun orzamento de 118.483 euros para os catro anos de duración e ten como finalidade garantir o correcto funcionamento e a seguridade das atraccións instaladas durante estes eventos multitudinarios.

Ademais, o Concello adxudicou á empresa Peykar o contrato de subministración de calzado, uniformidade e equipos de protección individual para o persoal municipal durante un período de catro anos, cun importe total de 428.106 euros.

Vilaverde destacou como principal novidade que se trata do primeiro contrato marco que agrupa nun mesmo acordo a dotación de uniformidade para todos os servizos municipais que a utilizan. A única excepción serán os servizos de emerxencias, é dicir Policía Local e Bombeiros, que contan cun sistema específico debido ás súas necesidades particulares.