A alcaldesa en funcións de Pontevedra, Eva Vilaverde, informou este xoves que a Xunta de Goberno celebrada pola mañá adxudicou obras de emerxencia para mellorar o sistema de saneamento municipal no entorno do CEIP A Xunqueira I.
O obxectivo destes traballos é o de diminuír o risco de inundacións que se teñen rexistrado no centro escolar durante os últimos meses.
Segundo explicou Vilaverde, os episodios de temporais e climatoloxía adversa que afectaron este inverno á cidade provocaron filtracións e acumulación de auga nas instalacións do colexio.
Ante esta situación, os técnicos municipais analizaron as causas do problema e concluíron que existe unha deficiencia nas cotas do sistema de recollida de augas pluviais.
A solución pasa por modificar o nivel das tubaxes do saneamento para mellorar a evacuación da auga.
Así, o Concello elevará a cota das conducións "todo o máximo posible" co fin de facilitar a drenaxe e reducir a posibilidade de que se produzan novas inundacións no recinto escolar.
Esta intervención levarase a cabo en coordinación coa Xunta de Galicia, que tamén está a desenvolver actuacións no mesmo complexo educativo.
Segundo indicou a alcaldesa en funcións, o proxecto foi acordado entre os técnicos de ambas administracións para garantir que as obras se executen de maneira coordinada e eficaz.
Vilaverde tamén sinalou que a comunidade educativa do centro xa foi informada da actuación prevista.
As obras foron adxudicadas á empresa Viaqua, que contará cun orzamento de 135.213 euros para executar os traballos.
O prazo estimado de execución é de tres meses.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.