Abrirán unha gabia perimetral para frear as inundacións no colexio Xunqueira 1

Pontevedra
06 de febreiro 2026
Actualizado: 18:57

O director territorial da Consellería de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, reuniuse coa dirección do centro e coa ANPA

Pérez Ares reuniuse coa dirección do centro e coa ANPA
Pérez Ares reuniuse coa dirección do centro e coa ANPA / Xunta de Galicia

A Xunta move ficha para poñer fin aos problemas de inundación no Ceip Xunqueira 1 tras semanas marcadas polas choivas intensas.

O director territorial da Consellería de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, reuniuse coa dirección do colexio e coa ANPA, acompañado dunha técnica autonómica, para analizar a situación e explicar as actuacións previstas.

Durante o encontro, Pérez Ares quixo lanzar unha mensaxe de tranquilidade á comunidade educativa e detallou as medidas que se van adoptar para evitar novas acumulacións de auga, especialmente nas zonas máis baixas do recinto, como a contorna do auditorio e do pavillón.

A curto prazo, a consellería executará unha gabia provisional duns 150 metros ao longo do perímetro da parcela do instituto.

Esta intervención aproveitará a pendente natural do terreo para conducir a auga e impedir que se concentre nos puntos máis sensibles do centro, permitindo así drenar a acumulación e reducir o risco de incidencias en futuros episodios de choiva intensa.

Paralelamente, a Xunta traballa xa nunha solución definitiva. Tendo en conta o compromiso do Concello de renovar a rede municipal de pluviais na contorna do instituto, a Consellería actuará tamén sobre a rede de drenaxe do propio centro para conectala coa nova infraestrutura municipal.

Segundo subliñou o director territorial, estas actuacións reflicten o compromiso da Xunta de ofrecer unha "resposta rápida e eficaz" ás necesidades dos centros educativos, garantindo condicións axeitadas de seguridade e funcionamento tanto para o alumnado como para o profesorado, agora e no futuro.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora