Despréndese un falso teito do CEIP A Xunqueira I, que agrava a crise dun centro "abandonado"

Pontevedra
29 de xaneiro 2026
Actualizado: 13:12

As familias denuncian o "risco real" para os 204 escolares do centro educativo no medio dun curso no que levan meses de inundacións e falta de mantemento

Falso teito desprendido no CEIP A Xunqueira I
Falso teito desprendido no CEIP A Xunqueira I / PontevedraViva

A paciencia das familias do CEIP A Xunqueira I tocou fondo. O que comezou hai dous meses como unha situación crítica por inundacións recorrentes derivou esta semana nun grave incidente de seguridade co desprendemento de parte dun falso teito e a aparición de novas pingueiras en zonas comúns.

O suceso provocou, segundo a ANPA, a clausura da planta baixa e do acceso ao ximnasio para protexer os seus 204 escolares.

O desprendemento produciuse nunha zona do corredor tras as intensas choivas dos últimos días.

O que máis indigna ás familias é que a área afectada corresponde a unha obra de mellora realizada a través da Consellería de Educación hai apenas dous anos.

"É a pinga que colma o vaso", explica Cristina Cabodevila, presidenta da ANPA Celso Emilio Ferreiro. "Cae un falso teito novo por unha entrada de auga mal selada. Non somos técnicos, pero é evidente que algo se fixo mal".

Ante o risco de novas incidencias, o centro optou pola cautela. "Hai zonas onde a auga empapa o teito e non sabemos se vai colapsar. Por precaución, pechouse a planta de abaixo", engade Cabodevila.

Un pai do centro cualifica a situación de "extrema gravidade". Alerta de que o alumnado convive con "solucións improvisadas e insuficientes" que pon en risco a súa integridade física.

Pingueiras no CEIP A Xunqueira I
Pingueiras no CEIP A Xunqueira IPontevedraViva

O problema estrutural é profundo. O centro leva máis de oito semanas sen poder utilizar o pavillón deportivo debido a inundacións constantes.

Segundo as familias, o comedor tamén sofre filtracións que obrigan a peches parciais e á utilización doutros espazos.

Desde o gabinete de comunicación da Consellería de Educación aseguran que o comedor "funciona con normalidade" ao ser trasladado a outro espazo.

Sinalan que o centro "debido ás subidas do nivel do mar, que se agravan cando coinciden choivas fortes con preamar en mareas vivas, vese afectado por inundacións. Por iso, vese afectado o pavillón", sinalan desde a Xunta.

A Consellería atribúe os problemas á localización do colexio nunha zona de dominio marítimo-terrestre, onde o nivel do mar e as choivas saturan o terreo.

Respecto ao teito caído, a administración autonómica confirma que se resolverá a incidencia "en canto se poida" e reclamará responsabilidades á empresa construtora pola mala instalación dun canlón que colapsou coas choivas.

"PING-PONG" ADMINISTRATIVO

Para a ANPA, a localización xeográfica é unha "escusa" que non xustifica anos de deixamento. Denuncian un cruzamento de reproches entre o Concello de Pontevedra, como administración responsable do mantemento ordinario, e a Consellería, encargada das obras maiores, que deixa o centro sen solucións efectivas.

"Levamos tempo pedindo que se pinten fachadas, que se arranxe o parque infantil e non se fai nada", lamenta a presidenta da ANPA. Sinala tamén que o Concello está a construír actualmente unha pasarela para facilitar o acceso ao pavillón.

"A sensación é que a escola pública non é unha prioridade. A fachada leva 20 anos sen pintarse porque non se pon de acordo en quen debe facelo", afirma Cabodevia.

Ante o medo a que a deterioración estrutural provoque un accidente maior, a comunidade escolar non descarta pasar á acción. Aínda que polo momento confían na palabra dos técnicos que visitaron o centro esta semana para avaliar a situación na procura de solucións.

"Se vemos que a cousa non arrinca, haberá que empezar a facer ruído de verdade", sentenza Cabodevila afrimando que "estamos moi enfadados".

As familias esixen un plan de reforma integral que vaia máis alá dos parches temporais e que devolva a "dignidade" a un colexio que, a pesar dos seus 52 anos de historia, sente "abandonado".

CEIP A Xunqueira I
CEIP A Xunqueira IPontevedraViva