A carballeira de Famelga acollerá unha nova edición da Xuntanza da Terceira Idade

Cerdedo Cotobade
02 de maio 2025
Actualizado: 19:03

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, anunciou que a reunión se celebrará o venres 6 de xuño e terá un custo de 20 euros por persoa

V Xuntanza da Terceira Idade de Cerdedo-Cotobade Concello de Cerdedo-Cotobade

Cerdedo-Cotobade prepárase para a quinta edición da súa Xuntanza da Terceira Idade, que terá lugar o vindeiro venres 6 de xuño na Carballeira de Famelga, na parroquia de Aguasantas.

O alcalde Jorge Cubela, foi o encargado de anunciar esta celebración que está organizada polo Concello e que, segundo adiantou, terá un custo de 20 euros por persoa.

Nela poderán participar nesta xornada as persoas de 65 anos ou máis que estean empadroadas no municipio, así como os pensionistas de 55 anos, e os cónxuxes de ambos.

Tamén permitirán a asistencia de persoas non empadroadas nadas en do municipio e os seus cónxuxes, abonando a totalidade do custo.

Ademais, poderán asistir fillos con discapacidade intelectual acompañados dun adulto e maiores dos fogares residenciais de Cerdedo-Cotobade.

As inscricións poderanse formalizar do 19 de maio ao 3 de xuño, en horario de 10:00 a 12:00 horas, nas oficinas dos servizos sociais de Cerdedo-Cotobade e nas sedes dos clubs de xubilados de Tenorio e Viascón.

A xuntanza dará comezo ás 13:30 horas cun acto relixioso na Capela de Falmelga, seguido dun xantar de confraternidade e diversas actividades culturais e de lecer.

O Concello facilitará o desprazamento dos veciños mediante autobuses gratuítos, pero para iso será necesario indicalo no momento da inscrición.

As persoas interesadas tamén poden contactar co Concello para coñecer as paradas e horarios de recollida.

Jorge Cubela destacou que esta reunión "volverá ter un importante valor emotivo e de homenaxe ás persoas que conforman unha xeración que traballou moito para situarnos no lugar que estamos".

"Produciranse de novo os reencontros de vellos amigos que durante o ano non teñen a oportunidade de coincidir e seguiranse estreitando os lazos de boa veciñanza entre todos os participantes", engadiu o alcalde.