Persoal dos Puntos de Atención Continuada (PAC) da área sanitaria de Pontevedra - O Salnés mantiñan un encontro matinal coas súas Maxestades de Oriente aproveitando a súa visita a Pontevedra. A eles entregáronlles a carta de demandas que levan reiterando ás persoas responsables do seu servizo de atención de urxencias nos centros de saúde.
Este colectivo de profesionais denuncia que, nos últimos meses, duplican quendas e traballan horas sen descanso sufrindo #estrés e tensión sen que a Xerencia da área sanitaria teña en conta as súas reclamacións. Piden que se deixe de improvisar as quendas para cubrir as vacacións e as baixas nos PAC e denuncian a falta de organización.
Alertan de que sofren extensións de xornada de maneira habitual e, por este motivo, reclaman un "cambio de rumbo inmediato" na xestión da Atención Primaria para ofrecer un servizo sanitario en condicións á poboación. Durante o encontro cos Reis Magos tamén trasladaron o seu problema laboral ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que se atopaba na recepción real no Recinto Feiral.
O orixinal acto de protesta desta xornada concluíu con persoal destes PAC deixando a carta coas súas demandas e un saco de carbón no belén instalado no Hospital Provincial destinado ao equipo da Xerencia da área.
Este colectivo leva realizando nos últimos meses concentracións no Hospital Provincial para alertar á poboación da situación que están aturando para poder atender aos usuarios destes Puntos de Atención Continuada nas diferentes localidades.