Representantes sindicais piden ao conselleiro de Sanidade que medie no conflito coa xerencia da área sanitaria

Pontevedra
02 de febreiro 2022

Un grupo de representantes da comisión de centro e da xunta de persoal do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra achegáronse ata Campo Lameiro para solicitarlle a súa intervención coa intención de que a xerencia que lidera José Ramón Gómez teña en conta aos representantes sindicais. O colectivo convocou unha nova protesta para este venres 4 no Hospital Montecelo demandando diálogo

Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, atende aos representantes sindicais da área sanitaria
Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, atende aos representantes sindicais da área sanitaria / PontevedraViva

Representantes sindicais da comisión de centro e da xunta de persoal da área sanitaria de Pontevedra presentáronse este mércores en Campo Lameiro para protestar durante a visita que o conselleiro de Sanidade, Julio García  Comesaña, realizaba ao centro de saúde.

Alí, os representantes dos traballadores trasladaron ao máximo mandatario da sanidade pública en Galicia o bloqueo que a xerencia da área está a exercer ao non facilitar información sobre falta de pagamento de quendas, cambio de horarios e outras incidencias en relación con mobilidade interna, salarios ou días de vacacións que se rexistran nos centros de Atención Primaria e nos hospitais públicos de Pontevedra.

Emma Rodríguez e Cándido Sartier pediron a García Comesaña a súa mediación coa xerencia que lidera José Ramón Gómez para tentar retomar o diálogo entre as partes. Os sindicatos presentaron esta semana unha solicitude ante a Consellería de  Sanidade para que se estableza unha reunión coa xerencia e coa dirección de Recursos Humanos para buscar unha solución a este conflito laboral.

O conselleiro mostrouse disposto a mediar e sinalou que se traballará para retomar ese diálogo entre a parte sindical e a dirección da área. 

Os sindicatos convocaron unha nova protesta para este venres entre as 11.00 e as 12.00 horas na entrada do Hospital Montecelo reclamando á xerencia negociación sindical nas decisións laborais que se adoptan.