Os sindicatos da área sanitaria 'rompen' co actual equipo directivo tras dous anos "insoportables"

Pontevedra
25 de febreiro 2022

As comisións de centro de Atención Hospitalaria e de Atención Primaria da área de Pontevedra e O Salnés decidiron "romper todas as relacións" co actual equipo directivo do CHUP. Consideran que o diálogo cos seus integrantes é "imposible" para poder resolver os seus problemas, necesidades e demandas profesionais

Concentración dunha hora no Hospital Provincial dos representantes sindicais no mes de febreiro de 2022
Concentración dunha hora no Hospital Provincial dos representantes sindicais no mes de febreiro de 2022 / Mónica Patxot

Tras dous anos dunha conflitividade laboral que cualifican de "insoportable", as comisións de centro de Atención Hospitalaria e de Atención Primaria da área de Pontevedra e O Salnés decidiron "romper todas as relacións" co actual equipo directivo do CHUP.

Consideran que o diálogo cos seus integrantes é "imposible" para poder resolver os seus problemas, necesidades e demandas profesionais. Reclaman unha reunión directa cos máximos responsables do Servizo Galego de Saúde, aos que piden "amparo".

Oito sindicatos, PROSAGAP, CIG, OMEGA, CSIF, CCOO, TSP, SATSE e CESM, uniron as súas forzas nesta nova reclamación ante o que consideran un "ataque" ás normas laborais que deixa aos traballadores nunha situación de "indefensión absoluta".

Entre outras cuestións, acusan á dirección do Complexo Hospitalario de Pontevedra de bloquear a acción sindical, de ocultar información sobre temas como a mobilidade interna ou as nóminas e de tomar decisións de forma unilateral, sen informar de prazas vacantes que se ofertan, de aumentos ou reducións de persoais ou da aplicación de novas quendas.

Critican tamén os fallos e erros "cometidos e non comunicados" nin aos traballadores nin aos sindicatos, como a falta de pagamento das nóminas do mes de decembro, sobre as noites e os festivos realizados no mes de novembro; e denuncian as presións por parte do equipo directivo sobre os traballadores para enfrontalos aos seus representantes sindicais. 

As comisións de centro de Atención Hospitalaria e Atención Primaria denuncian ademais irregularidades no cumprimento de acordos alcanzados como os relativos a listaxes de vacinacións, comisións de servizo ou mobilidade interna; e o atraso nas resolucións de borradores por exemplo o de auto concertación de quirófano,. 

As centrais sindicais subliñan o "abandono de funcións" do equipo directivo para buscar aos profesionais sanitarios necesarios para cubrir quendas de traballo, delegando esa procura nos propios xefes de servizo, en mandos intermedios e mesmo nos propios traballadores, "baixo a ameaza de que se non os atopan terán que traballar esas quendas a maiores". 

Neste sentido sinalan tamén a "absoluta incapacidade" para fidelizar aos MIR que acaban, para que queden traballando nesta área sanitaria, "ao forzarlles con contratos lixo e sen que poidan elixir libremente entre todas as prazas que hai vacantes". 

Ademais, reprochan que a dirección sexa incapaz de negociar sobre os acordos alcanzados en temas como días de libre disposición, vacacións, permisos, licenzas e a organización das quendas en Atención Primaria, como os dos sábados pola mañá, "e que en moitas ocasións quedan descubertos".