Demandas no Día Internacional da Enfermería: "Estamos a pasalo mal. Non se pode levar este ritmo de traballo. É imparable"

Pontevedra
12 de maio 2022

Este 12 de maio celébrase o Día Internacional da Enfermería e o Hospital Provincial acolleu unha concentración de persoal convocado por SATSE para manifestar as reivindicacións deste colectivo laboral. Piden, entre outras demandas, ao Sergas un incremento da contratación de profesionais de enfermería nos centros públicos, que non se abuse da temporalidade nos contratos e xubilación anticipada 

Concentración de persoal de enfermería no Hospital Provincial / Mónica Patxot
Demandas dos profesionais de Enfermería /

Un grupo de máis de 50 profesionais de enfermería concentrábanse este xoves 12 de maio na entrada do Hospital Provincial de Pontevedra con motivo da celebración do Día Internacional da Enfermería. O acto centrouse nas reivindicacións deste colectivo que realiza demandas á administración durante os últimos anos para mellorar as actuais condicións laborais.

"Non podemos traballar cuns cocientes como hai en Galicia en que a inseguridade do paciente é unha realidade", afirmaba Malules Carbajo, secretaria autonómica do Sindicato de Enfermería, SATSE, que lembraba o traballo desenvolvido polas enfermeiras durante toda a pandemia "que estivemos co paciente todos os días", dobrando quendas en moitas ocasións tanto nos hospitais, como nos centros de Atención Primaria ou nos  socis-sanitarios. 

"Pero ata aquí chegamos", indica a representante de SATSE reclamando que se reverta a situación actual con melloras para o colectivo. "Pedimos unha xubilación anticipada aos 60 anos sen diminución económica", explica pedindo a mesma situación que teñen os bombeiros ou os axentes policiais. Tamén advirte á administración que teña en conta a súa categoría de universitarias para outorgarlles postos de responsabilidade do grupo A1 e non do A2, como sucede actualmente.

Nesta mesma liña, Emma Rodríguez, secretaria provincial de Satse, explicaba que desde 2015 "somos todos graduados, non diplomados, merecemos postos de responsabilidade". A delegada sindical sinala que "agora mesmo non nos deixan facer o noso traballo porque faltan miles, porque non chegamos", expón lembrando que en Atención Primaria o número de  cartilllas por  enfemermera é moi alto alcanzando as 2.100 de pacientes "con poboación envellecida con maior carga de coidados e domicilios". Desta forma, manifesta que "é moi difícil manexar o traballo", unha situación que se complicou coa pandemia.

Emma Rodríguez, de Satse: "agora mesmo non nos deixan facer o noso traballo porque faltan miles, porque non chegamos"

Tamén en Urxencias rexístranse "picos brutais" con ata 210 pacientes en 24 horas, laméntase e pide "un remanente de persoal contratado para cubrir ausencias. Non o temos. Facemos dobraxes", expón lembrando que no Hospital Provincial dobran quendas e as supervisoras piden favores persoais ás traballadoras para cubrir quendas. "Estamos a pasalo mal. Teño medo de que comecemos a romper. Non se pode levar este ritmo de traballo. É imparable", afirma Emma Rodríguez indicando que teñen casos de persoas contratadas que traballaron 42 días seguidos "sen librar nin un".

Lembran que a Organización Mundial da Saúde recomenda un máximo de oito pacientes dependendo de patoloxías por enfermeira. Rodríguez sinala que hai estudos que demostran que a partir do sétimo paciente o risco de morbimortalidade aumenta nun 4% "e é exponencial". Alega que actualmente unha enfermeira da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés nunha quenda normal atende a ao redor de 12 pacientes, pero chegaron a cifras de 32 por quenda. "O risco para o paciente é moi grande", conclúe reclamando que se duplique o número actual de enfermeiras nos centros pontevedreses. Na área sanitaria hai ao redor dun milleiro de profesionais de Enfermería contratadas actualmente, 225 delas en Atención Primaria; 800 entre o Hospital Provincial e Montecelo, mentres que no Hospital  do Salnés traballan 120. Nestes datos non se contabilizan listaxes de contratación nin enfermeiras especialistas.

Eduardo García, enfermeiro do Hospital Montecelo, tamén manifesta que é necesario incrementar os persoais de maneira inmediata e evitar a temporalidade. Lembra que de 13 enfermeiras, 10 son interinas. Por este motivo reclama que as interinidades se cubran con prazas fixas e mellores contratos. "En Pontevedra faise moi mal" denuncia lamentando a actual política de contratación da Xerencia e explica que isto repercute no funcionamento diario do persoal.