Montecelo acolle unha nova protesta de representantes sindicais contra a xerencia da área sanitaria

Pontevedra
04 de febreiro 2022

Un grupo de integrantes da comisión de centro e da xunta de persoal mantiveron unha concentración dunha hora ás portas do centro hospitalario portando unha pancarta en que denuncian que "a dirección non respecta aos órganos de representación"

Protesta de representantes sindicais contra a xerencia no Hospital Montecelo
Protesta de representantes sindicais contra a xerencia no Hospital Montecelo / PontevedraViva

Continúa o calendario de protestas establecido polos representantes sindicais da sanidade pública en Pontevedra. Este venres protagonizaron unha nova protesta na entrada do Hospital Montecelo, entre as 11.00 e as 12.00 horas. 

Os manifestantes portaron unha pancarta na que denuncian que a dirección da área sanitaria non respecta aos órganos de representación como son a comisión de centro e a xunta de persoal. Sinalan que se lles está "ponteando" e non se lles ofrece información sobre determinadas decisións que se adoptan e que afectan o persoal tanto de Atención Primaria como dos distintos servizos dos centros hospitalarios.

A este acto de protesta tamén se sumaban traballadores do centro de saúde da Parda, que realizaron unha protesta no seu lugar de traballo para mostrar o seu apoio aos representantes sindicais denunciando a actitude por parte da xerencia que lidera José Ramón Gómez.

Esta mesma semana, representantes sindicais trasladaban a queixa de maneira persoal ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, durante a súa visita a Campo Lameiro.

Tamén enviaron un escrito demandando unha reunión coa dirección e con Recursos Humanos do Sergas para buscar unha solución que permita establecer un diálogo e garanta que os representantes dos traballadores recibirán información continua para poder negociar antes de que se adopten determinadas decisións que afectan os profesionais sanitarios.