Carlos Prado, pregoeiro das Festas do Carme

Marín
01 de xullo 2016

O xornalista marinense, que na actualidade desempeña o seu labor profesional na redacción de La Sexta Noticias, en Madrid, é tamén realizador afeccionado e foi finalista dos premios Mestre Mateo coa curtametraxe 'Vellas'

Carlos Prado
Carlos Prado / Concello de Marín

As Festas do Carme de Marín, que encherán de propostas de lecer e diversión a vila do 9 ao 16 de xullo, xa teñen pregoeiro.

O encargado de abrir a semana grande será o xornalista marinense Carlos Prado, natural de Mogor, segundo informou o goberno local.

Carlos Prado, de 34 anos, desempeña actualmente o seu labor profesional na redacción de La Sexta Noticias, en Madrid, tras o seu paso durante máis cinco anos pola delegación de Galicia do mesmo medio de comunicación.

Licenciado en xornalismo e técnico superior en imaxe e son, Carlos é tamén coñecido pola súa faceta como realizador de curtametraxes, que lle valeu entre outras cousas ser nomeado aos premios Mestre Mateo pola curta Vellas ou para gañar varios premios a nivel nacional con outros dos seus traballos, realizados todos eles na contorna de Marín.