Coa tradicional tirada de fogos de artificio, Marín deu por finalizada os seus festexos patronais, as Festas do Carme. Una semana que desde o goberno municipal cualifican como "positiva" e que permitiu que a vila estivera chea de xente.
As liñas mestras do traballo municipal foron intentar mellorar toda esta oferta festiva, con especial dedicación ás luces, ás orquestras, aos fogos, á batalla de flores, ás actividades destinadas ao público infantil, ás actuacións musicais no parque Eguren e a toda a programación do propio día do Carme.
O bo tempo e as noites con excelentes temperaturas facilitaron o ambiente nas terrazas e nos bares e a numerosa presenza de xente na entrega de despachos da Escola Naval tamén axudou a animar a vila durante todos estes días.
Ademais, o goberno municipal quixo agradecer todo o traballo realizado por servizos como a Policía Local, as brigadas municipais, a empresa de limpeza viaria, Protección Civil ou os voluntarios que colaboraron co normal desenvolvemento das festas.
Nomeadamente desde o Concello destacaron o labor da confraría da Virxe do Carme, a participación dos confrades e os remolcadores de Antonio Alonso, que contribuíron a que a procesión fora concorrida e moi participativa.
As festas do verán continúan esta fin de semana en Seixo e no casco urbano para tratar de repartir as actividades que terán continuidade todas as fins de semana do verán, ofrecendo ocio, música, promoción do comercio, gastronomía e deporte.