A alcaldesa en funcións de Pontevedra, Carme da Silva, cualifica como "tranquila" a primeira fin de semana de peñas alegando que non se rexistraron incidentes reseñables e utilizando o matiz de que "sempre hai pequenas cousas".
Da Silva só destacou a pelexa rexistrada o sábado no centro histórico que se trasladou posteriormente a Michelena para rematar dentro das instalacións do Hospital Montecelo. A responsable de seguridade sinalou que este enfrontamento non se pode atribuír á celebración da festa.
Desde o goberno local recolléronse 14 atencións da ambulancia que se establece a través do Concello. Sete desas 14 atencións do sábado producíanse durante a tarde derivadas de mareos e outras afeccións relacionadas coa calor. Durante a noite, rexistráronse tres atencións por alcoholemia e catro intervencións por cortes e mareos, ademais do traslado dunha persoa por dor torácica.
En canto ao lixo recollido, a alcaldesa en funcións indicou que este ano se utilizou outro método de recollida de datos aplicándose ao centro da cidade. A cifra de lixo recollido durante a noite do sábado ao domingo alcanza as 10 toneladas, mentres que do domingo ao luns achégase tamén ás 10 toneladas.
"O comportamento en xeral é estupendo", indicou Da Silva, que lamentou as críticas realizadas polo Partido Popular sobre o levantamento da ordenanza de prohibición de botellón no centro de Pontevedra durante estas datas. A responsable municipal sinalou que esta circunstancia contémplase na ordenanza e que o Concello non incita a beber alcol a menores "baixo ningún concepto". Convidou aos populares e, en concreto, a César Abal a gozar das festas.
Ademais, apuntou que durante a fin de semana nos controis de alcoholemia a condutores detectáronse dous positivos, pero indicou que aos responsables do Concello non lles consta o número de menores que sufriran intoxicación etílica durante a celebración de peñas.