Carmela Silva anima os turistas a gozar da "máxica" choiva das Rías Baixas

Pontevedra
23 de marzo 2018

A presidenta da Deputación fixo públicas este venres as estimacións de Turismo Rías Baixas para esta Semana Santa, onde se prevé que a cidade de Pontevedra chegue ao 65% de ocupación. O resto da provincia situarase no 62%

Carmela Silva, presidenta da Deputación, durante a rolda de prensa no Pazo Provincial
Carmela Silva, presidenta da Deputación, durante a rolda de prensa no Pazo Provincial /

Malia que todavía se están a producir reservas por parte de turistas que elixiron a provincia de Pontevedra como destino do período de vacacións correspondente á Semana Santa, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, adiantou este venres as estimacións de Turismo Rías Baixas. Agárdase que a ocupación media na provincia xire ó redor do 62%, un dato "positivo", segundo sinalou. O turismo rural segue sendo unha das apostas dos visitantes que chegan a Galicia, e este ano se sitúa no 65%. 

A presidenta deu unha rolda de prensa no Pazo Provincial xunto co delegado da área de Turismo, Héctor Santos. Na presentación, Silva falou duns datos "moi prudentes" debido á inestabilidade meteorolóxica que se agarda para o período vacacional, ademais da continuidade das reservas nestes días. 

Tras bater un récord de ocupación e turismo en 2017, Carmela Silva agarda que as estimacións melloren cando remate a Semana Santa, como adoita ocorrer todos os anos. Os datos máis altos corresponden a Caldas, municipio que rozará o 80% de turistas durante as vacacións, e á cidade de Pontevedra, cunha previsión do 65%. Valores moi positivos tamén para a zona do Salnés, en torno ao 61% de ocupación. Un 45% é a estimación de turismo para a zona do Morrazo.

Carmela quixo tamén dar algúns datos sobre o perfil do turista que visitará as Rías Baixas. Sete de cada dez persoas que visitan a comarca o fan en familia ou en grupos de amigos, o que axuda a reforzar, tal e como destacou, a aposta que desde o Goberno Provincial se fai polo turismo en familia. A maioría das reservas corresponden ao período entre o xoves Santo e o domingo de Resurrección.

A presidenta da Deputación animou a todos os turistas e visitantes a viaxar tamén cando chove xa que, aínda que as Rías Baixas constitúen un panorama moi fermoso cando hai bo tempo, a "máxica e poética" choiva de Galicia mellora e potencia a beleza destas paisaxes, indicou Silva.