Carmela Silva defende a importancia da administración local no cumprimento da Axenda 2030

Pontevedra
09 de febreiro 2021

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e o director da Fundación Democracia e Goberno Local, Alfredo Galán, abriron este martes o seminario en liña "Os retos da Axenda 2030 para o nivel local de goberno" no que participaron representantes de máis de 48 municipios, coa presenza dunha vintena de alcaldes, de deputacións, así como de profesorado de diferentes universidades

Carmela Silva, presidenta da Deputación Deputación de Pontevedra

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e o director da Fundación Democracia e Goberno Local, Alfredo Galán, abriron este martes o seminario en liña "Os retos da Axenda 2030 para o nivel local de goberno" no que participaron representantes de máis de 48 municipios, coa presenza dunha vintena de alcaldes, de deputacións, así como de profesorado de diferentes universidades.

Carmela Silva e Alfredo Galán defenderon na súa intervención o papel "fundamental" do mundo local para lograr "a transformación do mundo" cumprindo as directrices marcadas na Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible aprobada pola Organización das Nacións Unidas 

Nestas conferencias desenvolvidas diante dun auditorio virtual participaron relatores como Fernando López, catedrático da Universidade de Zaragoza, a profesora da Universidade de Xirona, Mercé Darnaculleta, o catedrático da Universidade de Barcelona, José Esteve, e a profesora de Didáctica das Ciencias Experimentais da Universidade de Vigo, María M. Álvarez Lires.

Segundo a información facilitada pola Deputación de Pontevedra, na súa intervención a presidenta provincial sinalou que "as respostas aos grandes retos de futuro, a como queremos que sexa o mundo a curto, medio e longo prazo, soamente poderanse dar se hai implicación do mundo local". 

Carmela Silva indicou que "a axenda 2030 non é un marco teórico, senón unha estratexia de transformación que debe lograr que a través das políticas públicas e da acción local garántase o futuro". 

A presidenta da Deputación de Pontevedra mostrou o seu "profundo convencemento" de que está a ser o ámbito local "o que está a implantar máis eficientemente" todo o que ten que ver coa Axenda 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU. Ademais insistiu en que "se trata do nivel de goberno máis comprometido" con estes retos. 

Con todo, a presidenta apelou á necesidade de financiamento advertindo de que "se queremos avanzar máis rápido, e temos que facelo porque o futuro da sociedade pasa por implantar estes obxectivos, precisamos recursos extraordinarios".

A presidenta provincial deu conta da "profunda implicación da Deputación de Pontevedra coa Axenda 2030" lembrando que a auditoría desenvolvida no ano 2019 para coñecer o grao de compromiso da institución cos ODS, que puxo de manifesto que "as nosas políticas tiñan un impacto sobre o 91% do territorio", e formulou como reto involucrar aos concellos e axentes sociais "no cumprimento dos ODS con alianzas e accións para impulsar un liderado local para cumprir a Axenda e reducir as desigualdades".

Finalmente, a presidenta destacou o proxecto "Obxectivo Pontevedra Provincia Alianza Local 17 ODS", ao que están adheridos xa 50 concellos e que busca unha estratexia conxunta para os fondos europeos aliñados coa Axenda 2030, as políticas de acción social, a xestión sostible do territorio, a igualdade como política transformadora da sociedade e a posta en marcha dun banco de boas prácticas no ámbito local.