Carmela Silva e Fernández Lores entenden que o cese da comisaria provincial Estíbaliz Palma era "absolutamente obrigado"

Pontevedra
22 de marzo 2022

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra manifestaba este martes que "se fixo o que había que facer" en relación ao cesamento de Estíbaliz Palma. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, tamén incidiu en que "o problema grave é que é unha representante da lei e quen ten que evitar que as mulleres non sexan vítimas da violencia" ao referirse ás palabras da ex comisaria da provincia

Carmela Silva durante a visita de Estíbaliz Palma á Deputación de Pontevedra
Carmela Silva durante a visita de Estíbaliz Palma á Deputación de Pontevedra / Deputación de Pontevedra - Arquivo
Reaccións á destitución de Estíbaliz Palma como comisaria provincial /

"Cesala era absolutamente obrigado", con esta resposta Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, quixo referirse á destitución de Estíbaliz Palma como comisaria provincial da Policía Nacional de Pontevedra.

O cesamento de Estíbaliz Palma prodúcese despois de que Eldiario.es publicase as palabras da ex comisaria este mesmo mes nun restaurante de Vigo en que dicía en relación co procés que "Hubo 48 horas en que parecía que la Policía Nacional se había transformado y, de repente, violaba, maltrataba y no sé qué cuántas cosas hacía más, que ya les gustaría a algunas que las violara un UIP (antidisturbios)".

Carmela Silva afirma que  "non se pode tolerar que as mulleres teñamos que padecer non só as violacións, algo terrible, intolerable, e que teñamos que sufrir tamén este tipo de comentarios. Fíxose o que había que facer", afirmou a preguntas xornalísticas este martes no Concello cando participaba co alcalde de Pontevedra na presentación do libro 'As mulleres que opinan son perigosas' coas xornalistas Susana Pedreira e Diana López.

A presidenta da Deputación indicou que espera que cada vez que haxa un comentario desta gravidade se adopten tamén este tipo de decisións de maneira inmediata e lembrou que aínda hai moitas que non tiveron repercusión. 

Pola súa banda, Miguel Anxo Fernández Lores, mostrouse de acordo coa presidenta provincial e explicou que o problema grave é que se trate dunha representante da lei "que ten que evitar que as mulleres non sexan vítimas da violencia". Afirmou que a decisión estaba ben adoptada e que esperaba que non se volva a producir especialmente entre membros das forzas e corpos de seguridade. 

Carmela Silva tamén se referiu á necesidade de modificar a lei de violencia de xénero en relación co caso da moza Jéssica Méndez, falecida en Barro despois de que o seu presunto acosador impactase o seu vehículo contra o dela. "Os asasinatos de violencia machista non só se exercen coa parella. Eu non teño ningunha dúbida. É unha noxenta violencia machista", argumentou a presidenta da Deputación ao referirse ao suceso de Barro.

"Non hai semana onde as mulleres non teñamos que sufrir estas violencias terribles", alegou para avanzar que "estou farta de hipocrisías" criticando a aquelas persoas que non defenden que haxa unha violencia que se exerce contra as mulleres por ser mulleres e que falan de "violencia intrafamiliar". A estas persoas acusounas de ser "tan machistas como os máis machistas" e expuxo que estes actos contra as mulleres teñen que ver coa negación da violencia machista e "estamo fartas as mulleres que o padecemos".