Carmela Silva insiste en que o pacto BNG-PSOE na Deputación "se vai manter" pese á crise dos orzamentos

Pontevedra
16 de decembro 2016

Carmela Silva defendeu que cre na autonomía local e, como presidenta da Deputación, "non teño que facer ningunha valoración" sobre o que sucede no Concello de Pontevedra, pero, a preguntas dos xornalistas, si asegurou que non estaba en perigo o actual goberno bipartito

Carmela Silva e César Mosquera
Carmela Silva e César Mosquera / Mónica Patxot

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, defendeu este venres as virtudes do pacto de goberno entre o seu partido (PSOE) e o BNG e insistiu en que "podo asegurar que se vai manter" a pesar da polémica xurdida no Concello de Pontevedra por mor da aprobación do orzamento municipal para 2017, no que se produciu un enfrontamento entre os grupos municipais nacionalista e socialista. 

Carmela Silva defendeu que cre na autonomía local e, como presidenta da Deputación, "non teño que facer ningunha valoración" sobre o que sucede no Concello de Pontevedra, pero, a preguntas dos xornalistas, si asegurou que non estaba en perigo en actual goberno bipartito. 

Ademais, Carmela insistiu en que o pacto de goberno permitiu cambiar o signo político da Deputación e cambiar un goberno "clientelar e caciquil" do PP. O paso é "tan importante" que tanto o PSOE como o BNG "sabemos que é fundamental manter".

A pesar de que son dous grupos políticos distintos, considera que "somos un exemplo en toda España" de que se pode gobernar cando hai dous partidos distintos, pero comparten un proxecto político, pois conseguiron un goberno "serio, sólido, con ideas, con proxectos".