Carmela Silva urxe a Feijóo a elaboración dun protocolo de actuación ante os crimes de mulleres

Pontevedra
27 de outubro 2015

A presidenta da Deputación de Pontevedra considera que non se pode seguir así con cinco asasinatos na provincia

Concentración en Pontevedra polo asasinato machista de Conchi Reguera
Concentración en Pontevedra polo asasinato machista de Conchi Reguera / Mónica Patxot

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, remitiulle unha carta ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, para abordar a posta en marcha dunha mesa de traballo onde estean todas as administracións, as asociacións de loita contra a violencia de xénero e os corpos e forzas de seguridade para elaborar un protocolo de actuación ante os crimes machistas.

Silva recordou que co asasinato do pasado sábado en Ponte Sampaio van cinco mortas na provincia de Pontevedra asegurando que "non podemos seguir así, é un escándalo".

Silva asegurou que as concentracións son necesarias para visibilizar pero xa non son suficientes, "temos que ser capaces de poñer enriba da mesa medidas para que isto non volte a ocorrer. Non podemos seguir así. É o quinto asasinato na provincia. Nos quedamos sen palabras", manifestou.

Para a presidenta da Deputación non se trata de responsabilizar nin culpabilizar a ninguén pero é necesario xa tomar medidas.

"A Xunta nos ten que convocar a todas as administracións, as asociacións de mulleres que loitan contra a violencia, o delegado do goberno, os subdelegados, as forzas de seguridade e o poder xudicial para dar unha resposta a estes asasinatos", subliñou Carmela Silva.