O Centro Social de Salcedo (Casa Verde), en Pontevedra, acollerá o sábado 4 de outubro, ás 12:30 horas, unha homenaxe de recoñecemento a Carmen Avendaño Otero, a muller pioneira na loita contra os narcotraficantes en Galicia.
O acto, organizado pola Confederación Galega de Asociacións Veciñais (COGAVE) coa colaboración da Xunta de Galicia, contará coa presenza da propia homenaxeada, quen recibirá o agarimo e recoñecemento de representantes da sociedade galega polo seu incansable compromiso.
Carmen Avendaño, nada en Vigo en 1945, atrevéuse a enfrontarse aos narcos que reinaban en Galicia nos anos 70 e 80, creando a Asociación Érguete a mediados dos anos 80.
O seu labor supuxo un apoio crucial para a mocidade que sucumbía ás drogas, incluídos dous dos seus fillos, que perderon a vida debido ao consumo de estupefacientes.
O 23 de xullo de 2008, Carmen Avendaño protagonizaba unha imaxe histórica entrando no Pazo Baión, que fora propiedade emblemática do narcotraficante Laureano Oubiña, onde as nais de Érguete chegaron a concentrarse en diversas ocasións durante a súa loita.
Ao evento asistirán destacadas autoridades como a subdirectora xeral de Memoria Histórica, o delegado do Goberno, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, o director xeral de Inclusión Social de Galicia, o alcalde de Pontevedra e o presidente da Deputación provincial, entre outros representantes institucionais e veciñais.