Carracedo desvela os seus segredos nunha ruta histórica pola parroquia

Umia
17 de xuño 2025
Actualizado: 13:10

A asociación cultural Carracedo Fala organiza o domingo 22 un percorrido guiado para descubrir historias esquecidas, dende o templo parroquial ata episodios da Guerra Civil

Contorna da igrexa de Carracedo
Contorna da igrexa de Carracedo / Carracedo Fala

A memoria histórica de Carracedo sairá á luz este domingo 22 de xuño da man da asociación cultural Carracedo Fala, que organiza a primeira ruta histórica por esta parroquia de Caldas de Reis.

Baixo o título "Camiñando a Historia", esta iniciativa busca desempoar relatos e acontecementos que permanecen esquecidos ou descoñecidos para moitos dos seus veciños.

O percorrido, de dificultade baixa e aberto a persoas de todas as idades, partirá da Carballeira do cura ás 10:30 horas e estenderase ata aproximadamente as 13:00 horas, momento no que os participantes poderán gozar dun pequeno pincho no local social da parroquia.

Durante a andaina, os asistentes descubrirán as orixes do templo parroquial e os misterios que agochan as súas pedras centenarias.

Tamén se afondará en capítulos históricos relevantes como a época da escolarización segregada e das escolas unitarias, as inquedanzas sociais e educativas durante a Segunda República ou os tráxicos episodios relacionados coa represión durante a Guerra Civil e o Franquismo que tiveron lugar na parroquia.

"É unha excelente oportunidade para que os máis maiores recorden tempos pasados e contribúan a divulgar aquilo que viviron e tamén para que os máis novos coñezan parte da historia da parroquia que nin saben que existe", sinalan dende a directiva de Carracedo Fala, que asegura ter descuberto durante o proceso de documentación feitos históricos sorprendentes que se revelarán durante a ruta.

A participación nesta actividade é gratuíta e non require inscrición previa, só presentarse puntualmente no punto de encontro. Esta iniciativa forma parte da programación da asociación, que xa traballa no número nove da súa publicación e confirma a súa participación na próxima Feira Tradicional de Caldas, que este ano se celebra no paseo da Tafona