A Casa das Campás seguirá en mans da Universidade de Vigo ata 2029

Pontevedra
25 de setembro 2025

Trátase dun prazo de tempo "suficiente", segundo explicou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, para "saber se é necesario" que continúe como sede da institución educativa

Casa das Campás
Casa das Campás / Mónica Patxot

Hai vinte anos, o 18 de marzo de 2005, a corporación municipal de Pontevedra acordaba a cesión de uso da Casa das Campás á Universidade de Vigo.

O inmoble, un dos máis característicos do centro histórico pontevedrés, é desde entón a sede institucional do campus universitario de Pontevedra e así seguirá, polo menos, por agora.

O goberno municipal aprobou prorrogar a cesión gratuíta da Casa das Campás á universidade durante catro anos máis, até 2029.

Trátase dun prazo de tempo "suficiente", segundo explicou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, para "saber se é necesario" que siga en mans da Universidade de Vigo.

E é que Fernández Lores lembrou que o Concello e os responsables da institución educativa están a tramitar o convenio para a cesión dunha parcela municipal en Tafisa.

"En principio non está aínda definido o que se vai facer", lembrou o alcalde pontevedrés, polo que a administración municipal acordou conceder todo ese prazo de tempo para que a Universidade de Vigo "decida o que quere edificar nesa parcela".

Será entón cando se revise a cesión da Casa das Campás á universidade, xa que "ao mellor nun futuro xa non lles fai falta", engadiu o alcalde.

Esta prórroga na cesión do inmoble deberá saír a exposición pública durante quince días para permitir que calquera interesado poida presentar alegacións.