Hama Coctail Bar de Pontevedra e Casa Solla, ou o que é o mesmo, Luís López Rodiño e o chef estrela Michelín, Pepe Solla, acaban de poñer en marcha unha nova e atractiva experiencia gastronómica en forma de colaboración entre ambos, como continuidade ao realizado nos xardíns de Casa Solla, en Poio, durante o pasado verán. Neste caso, o escenario trasládase ao local do Hama, na pontevedresa rúa da Palma, onde clientes e amigos teñen xa á súa disposición toda unha carta de saborosas tentacións para gozar.
"Este verán estivemos a facer unha colaboración, Pepe e eu, -di Luís- cun corner de Hama no xardín de Casa Solla, e tratábase de darlle un complemento e continuidade a esa experiencia que supón comer na casa Solla, facilitando que os clientes puidesen gozar antes ou despois da comida dun coctail, un aperitivo, un gyn-tonic, ou o que quixesen. Funcionou moi ben, foi unha experiencia moi positiva para ambos, e agora que vén o inverno e non podemos gozar do xardín, tentamos darlle a volta a esa colaboración, e dadas as circunstancias que vivimos, que hai que reinventar os negocios, decidimos en Hama incorporar o concepto "brunch", ou sexa, comida informal, a calquera hora do día, ou almorzo tardío, cunha carta de bocadillos "molones", deseñados e desenvolvidos polo gran Pepe Solla.
O Chef estrela ampliaba a explicación, indicando: "A idea, como che dicía Luís, é continuar a colaboración que houbo durante o verán, complementando o Hama Bar, sobre todo pensando en certas horas na que non é a idea para comer ou cear, senón que estás a media tarde e queres compensar un pouco coa copa que estás tomando. Aí ocurréusenos o tema "bocatas", pans, que funcionaba incrible. Así, empezamos con seis bocatas, con seis propostas con catro pans distintos nos que incorporamos un vegano e outro vexetariano, para dar resposta tamén a unha tendencia en alza. Todos eles irémolos rotando cada certo tempo para que non sexan sempre sistemáticos. Por exemplo, que empeza a caza, pois faremos algo con caza, que empezan os cogomelos, faremos algo con cogomelos, é dicir, o que se nos vaia ocorrendo e que nos permita dar un punto dinámico á oferta".
A nova oferta estará dispoñible todos os días, nos horarios de apertura habituais do Hama Coctail Bar, na rúa A Palma de Pontevedra, cun titular que podería definir esta alianza entre dous grandes hostaleiros: "Casa Solla e Hama, un coctail estrela", titular que tanto Pepe como Luís aceptan como boa definición da súa apetitosa proposta: "Xa o foi durante o verán -expresa Pepe- porque Casa Solla xa deu un paso grande por ter alí a Luís no noso xardín, tanto facendo aperitivos como na sobremesa, cousa que o público agradeceu moitísimo, porque foi como un recuncho máxico, no que logo pasaron cousas máxicas como un concerto de Iván Ferreiro, e que aproveitamos para anunciar que o próximo ano haberá máis cousas destas, porque tanto ao público como a nós gustounos moitísimo e queremos volver facelo. O cóctail funcionou alí, e agora ten que funcionar aquí".
En tempos de crises, Luís resaltaba que "a relación calidade-prezo sempre é unha baza moi importante. Será un pouquiño máis do estandar, porque traballamos con produtos de primeirísima calidade, pero será unha opción para comer por pouco diñeiro algo moi chulo".