O Consello da Xunta celebrado este venres 19 autorizaba a renovación do convenio de colaboración entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e os concellos de Caldas de Reis, Cuntis e Moraña.
O acordo establece que Augas de Galicia investirá preto de 400.000 euros do canon establecido de explotación do encoro da Baxe, do río Umia, ao financiamento de actividades educativas e sociais nos tres municipios.
Neste convenio tamén participa como entidade colaboradora a Deputación de Pontevedra, que se encarga de administrar estes fondos procedentes do executivo autonómico.
A empresa titular da explotación hidroeléctrica da presa situada no municipio de Caldas de Reis está obrigada ao pago do canon, que termina derivando neste diñeiro destinado aos municipios, segundo establece a concesión da explotación outorgada por Augas de Galicia, organismo dependente da Xunta de Galicia.
Cada un dos concellos recibe algo máis de 130.000 euros para realizar actividades sociais e educativas ata o 31 de decembro deste 2023.
A través deste procedemento, estes municipios recibiron máis de sete millóns de euros, desde 2002 ata 2022, cando se iniciou este sistema.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.