A pesar de contar cun día menos de celebración que en 2012, a quinta edición da Outubrofest organizada polo Pontevedra Rugby Club igualou as cifras de récord da pasada edición.
Segundo traslada o presidente do club, Félix Álvarez, desde a apertura da carpa instalada na Praza do Teucro o pasado xoves e ata o seu peche na noite do domingo, a festa alemá despachou aproximadamente 7.000 litros de cervexa e 6.800 salchichas.
Por todo iso Álvarez mostrouse moi satisfeito nunha edición que, calcula, reuniu a preto de 25.000 persoas: "estamos orgullosos, sobre todo porque creo que es una fiesta que ya está consolidada en el calendario de los pontevedreses".
En canto á asistencia á carpa, o presidente do Pontevedra Rugby Club destacou a maior afluencia nas comidas: "se potenció mucho ese horario e incluso nos sorprendió la gente que vino el domingo".
Félix Álvarez promete que a Outubrofest volverá o próximo ano, ademais de agradecer o traballo desinteresado de "todos los voluntarios que han hecho posible la fiesta", entre os que se atopan os pais, xogadores e socios do club.