Case un de cada dous votos dos pontevedreses no exterior foi para o PP

Pontevedra
04 de outubro 2016

Se a vitoria do PP nas pasadas eleccións autonómicas foi inapelable nas urnas galegas, aínda máis o foi no voto exterior. O reconto que se efectuou este luns na Audiencia de Pontevedra revelou que case un de cada dous votos dos pontevedreses que residen fóra de España foi para o candidato popular, Alberto Núñez Feijóo

Reconto do voto exterior na Audiencia de Pontevedra
Reconto do voto exterior na Audiencia de Pontevedra / Mónica Patxot

Se a vitoria do PP nas pasadas eleccións autonómicas foi inapelable nas urnas galegas, aínda máis o foi no voto exterior. O reconto que se efectuou este luns na Audiencia de Pontevedra revelou que case un de cada dous votos dos pontevedreses que residen fóra de España foi para o candidato popular, Alberto Núñez Feijóo.

Iso si, pola dificultade que teñen os emigrantes para votar -debido ao coñecido como votado rogado-, os datos de participación foron irrisorios. Tan só chegaron a Pontevedra 3.524 votos procedentes do exterior. É o 3% dos pontevedreses que residen na diáspora, 128.777 persoas.

Deles, 1.725 electores (48.95%) optaron polo PP nestas eleccións autonómicas do 25-S.

En Marea, igual que no voto presencial en Galicia, foi a segunda forza na provincia de Pontevedra ao sumar 638 votos fronte aos 530 do PSdeG-PSOE.

O voto exterior tamén dá a cuarta praza ao BNG con 171 apoios na emigración, mentres que Ciudadanos con 134 e o partido animalista PACMA con 118 tamén superan o centenar de apoios.

Ademais, 24 votos foron declarados nulos e nove en branco.

Segundo consta nos censos remitidos polos diferentes consulados españois, Suíza con 367 votos foi o país europeo de onde máis sufraxios chegaron de pontevedreses emigrados. En Alemaña votaron 232 persoas. Francia, Reino Unido e Portugal roldaron tamén os dous centenares de pontevedreses que votaron o 25-S.

Pero, sen dúbida, foi en Latinoamérica onde máis emigrantes decidiron votar. De Arxentina chegaron case 1.200 sufraxios -1.078 só de Bos Aires-, mentres que Uruguai, Brasil e Venezuela son os seguintes países cun maior número de votos enviados, aínda que en todo caso por baixo dos trescentos por país.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora
Arquivado en