Cathy Tuttle, activista ambiental: "Non teño visto nada igual a Pontevedra en todo o mundo"

Pontevedra
15 de novembro 2018

Ata Seattle, unha das principais cidades do noroeste de Estados Unidos, chegaron os ecos dos premios e os recoñecementos que recibiu o modelo urbano de Pontevedra. Así, a activista ambiental Cathy Tuttle aproveitou a súa viaxe a España para visitar a Boa Vila e averiguar "se o que dicían os titulares de prensa e os premios era verdade"

Cathy Tuttle, activista ambiental, na sua visita a Pontevedra
Cathy Tuttle, activista ambiental, na sua visita a Pontevedra / Mónica Patxot

Ata Seattle, unha das principais cidades do noroeste de Estados Unidos, chegaron os ecos dos premios e os recoñecementos que recibiu o modelo urbano de Pontevedra. Así, a activista ambiental Cathy Tuttle aproveitou a súa viaxe a España para visitar a Boa Vila e averiguar "se o que dicían os titulares de prensa e os premios era verdade".

E, ao parecer, así foi porque esta antropóloga, que traballa para lograr cidades amables, seguras e sustentables, afirma que a experiencia "superou as expectativas" e, tras ser recibida polo goberno municipal, non dubidou en sinalar que "non vin nada igual a Pontevedra en todo o mundo".

Nas súas viaxes, destacou, opta por "experimentar as cidades" e converter as súas estancias "en algo máis que unha simple visita", observando as solucións implantadas para mellorar a calidade de vida dos seus habitantes e "ver máis aló" das aparencias.

Con respecto a Pontevedra, Cathy Tuttle sinalou que é "inusual" atoparse cunha urbe que leva vinte anos adaptando un modelo urbano que prioriza a recuperación dos espazos públicos para os seus cidadáns, facendo que a xente "se senta cómoda" na cidade.

Esta experta, que non só centrou o seu percorrido no centro urbano senón que visitou o rural pontevedrés, celebrou que en Pontevedra non centre, a diferenza da maioría das cidades, a súa atención "só en áreas turísticas pequenas", senón que "se preocupan de todo o espazo do municipio".

Pola súa faceta como antropóloga, esta muller estadounidense explicou que apunta no seu caderno, entre outras cuestións, cantas persoas están nos espazos públicos ou cantos nenos ou maiores teñen autonomía, porque "é un indicador da saúde dunha cidade" e, neste caso, Pontevedra "é moi saudable" xa que "mesmo os cans parecen felices".

Tras destacar que ampliará a súa estancia en Pontevedra porque "estou moi feliz aquí", Tuttle asegurou que as cidades de todo o mundo "non creo que teñan outra opción" máis que avanzar nun modelo urbano similar ao pontevedrés. "Non hai escusas", dixo.

As novas xeracións, subliñou a presidenta do colectivo Seattle Neighborhood Greenways, "rexeitan o hábitat que creamos para eles" e, cada vez máis, apostan por vivir en comunidades "onde poidan andar, facer vida fóra de casa e sentirse seguros", condicións que xa ten Pontevedra e que "se poden aplicar en todo o mundo".