Catorce estudantes de ciclo medio de Farmacia e Parafarmacia realizarán prácticas no Hospital Montecelo

Pontevedra
15 de febreiro 2023

Este mércores asinábase un convenio no Hospital Montecelo, entre responsables do IES Montecelo e da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés para que se poidan realizar estas prácticas formativas desde o 20 de marzo ata o 9 de xuño 

Sinatura do convenio de prácticas de Farmacia e Parafarmacia entre o IES Montecelo e o xerente da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés
Sinatura do convenio de prácticas de Farmacia e Parafarmacia entre o IES Montecelo e o xerente da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés / Sergas - Xunta de Galicia

Un grupo de 14 estudantes que cursan ciclo medio de Farmacia e Parafarmacia no IES Montecelo de Pontevedra terán a oportunidade de realizar as súas prácticas no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, despois de que este mércores se asinara un convenio entre ambas as institucións.

Estas prácticas complementarias desenvolveranse, de luns a venres, desde o 20 de marzo ao 9 de xuño no servizo de Farmacia do Hospital Montecelo, dentro do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.

Durante ese período, o alumnado poderá estudar o uso e funcións dos equipos en área estéril. Ademais, serán informados sobre conceptos de desinfección, lavado de mans e vestiario, cun apartado formativo específico centrado en elaboración de produtos estériles. Tamén asistirán a explicacións prácticas de técnicas asépticas e de preparación de material; nocións de control de calidade e pautas preventivas para o persoal.

Miguel Carballo, director do centro de estudos; a titora do programa formativo, Margarita de Montserrat; e o xefe do departamento de Sanidade do IES, Francisco Tobío asinaron o acordo con José Flores, xerente da área; Nuria Iglesias, subdirectora de Prestación Farmacéutica; e o xefe de servizo de Farmacia, Carlos Crespo.