'Participación e Acceso á Información e aos Recursos' 'Promoción da Igualdade entre Mulleres e Homes' 'Saúde, Sexualidade e Xénero' e 'Abordaxe Integral da Violencia de Xénero'. Son os catro eixos de traballo do IV Plan de Políticas de Xénero do Concello de Pontevedra, aprobado no mes de outubro pola Xunta de Goberno local e que persegue poñer en marcha todas as políticas e actividades necesarias durante o período 2019-2021 para lograr maiores doses de igualdade no municipio.
"O resultado que me gustaría que tivera sería unha Pontevedra moito máis igualitaria", resume Paloma Castro, concelleira de Igualdade neste mandato e impulsora deste programa marco en materia de igualdade. O documento elaborouno a firma Avalia e supuxo un investimento de 7.139 euros.
O plan farase público para empezar a traballar de xeito inmediato, pero PontevedraViva xa tivo acceso a esas liñas básicas de actuación, das que a concelleira destaca que busca "favorecer a igualdade en todos os sentidos" e tamén facer de Pontevedra unha cidade que garanta de xeito integral os dereitos das persoas pertencentes aos colectivos LGTBIQ.
Nesta liña, a medida máis importante que se vai promover con cargo a este Plan é a creación dun Centro de referencia para a información sobre sexualidade e diversidade sexual, onde a cidadanía poida atopar respostas ás dúbidas sobre saúde ou diversidade sexual e orientación, información e asesoría fronte ataques LGTBfóbicos. De momento, non hai prazo de execución, aínda que se baralla poder empezar a proxectalo o próximo ano. A pesares de que é un obxectivo estratéxico, non poderá estar antes porque é necesario incluír o proxecto no orzamento municipal.
Este Plan mantén a estrutura, o deseño e a metodoloxía de xestión do anterior ante o "importante nivel de implantación e desenvolvemento acadado, e os bos resultados obtidos" e, segundo resume Paloma Castro, reseña actividades para que cheguen ao conxunto da cidadanía, con especial fincapé na xente nova, no eido educativo e en colectivos como a policía, o persoal municipal ou o ámbito sanitario.
- Na chamada Área de Participación e Acceso á Información e aos Recursos pártese da premisa da participación como procedemento imprescindible para que as mulleres poidan converterse en protagonistas do seu propio cambio, para que expresen as súas demandas e as súas posibles solucións na consecución dunha cidade que mellore a súa calidade de vida.
Nesta área traballarase arredor de dous obxectivos estratéxicos: promover a participación das mulleres e fortalecer os valores igualitarios da cidadanía deste Concello e facilitar e achegar a información e os recursos á cidadanía en xeral e as mulleres en particular.
- A Promoción da igualdade entre mulleres e homes é a segunda das áreas fundamentais de traballo deste plan. Co obxectivo de fomentar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, apostarase por unha programación de accións non estereotipadas que favorezan unha participación mais igualitaria da poboación de Pontevedra.
Neste apartado deseñaranse accións que permitan visibilizar novos referentes de liderado feminino que contribúan a fomentar o coñecemento e incidencia do feminismo na construción dos dereitos das mulleres e tamén se continuará conmemorando as principais datas de reivindicación dos dereitos das mulleres, en especial o 25 de Novembro e o 8 de Marzo.
- A Área de Saúde, Sexualidade e Xénero ten como obxectivo estratéxico promover a saúde integral das mulleres desde a perspectiva feminista potenciando o seu autocoidado e buscará incorporar a perspectiva de diversidade sexual e de xénero nas accións desenvolvidas polo Concello de Pontevedra.
Así, vanse deseñar estratexias dirixidas á atención da diversidade sexual e a loita contra a LGTBIQfobia, promoveranse accións formativas dirixidas a profesionais (policía, psicoloxía, sanidade, traballo social, educación social...) que lles permita ofrecer unha atención adecuada ás persoas que o demanden e formularase tamén o citado Centro de referencia
- A área de Abordaxe Integral da Violencia de Xénero ten como obxectivo básico concienciar e implicar á cidadanía de Pontevedra na loita contra as violencias machistas, en tanto que considera que a violencia de xénero é a máxima manifestación da desigualdade que atenta directamente contra os dereitos humanos.
Esa loita será a través de dúas liñas de traballo, unha dirixida a concienciar á cidadanía na loita contra esta violencia e a outra enfocada en intervir coas vítimas directas das violencias machistas. Haberá dunha acción específica dirixida ao traballo coa mocidade e no eido educativo e buscarase garantir e consolidar unha atención integral e de calidade ás vítimas de violencias machistas, establecendo accións dirixidas ao impulso e reforzo do CIM como servizo central na coordinación de recursos tanto municipais como doutras administracións.