Catro locais de Pontevedra e Sanxenxo darán un adianto das tapas que competirán por ser a mellor de Galicia

Pontevedra
09 de outubro 2025
Actualizado: 14:13

Trasmallo, El Cafetín e Feroz de Pontevedra e Asador - Cafetaría Castelao de Sanxenxo forman parte da IV Ruta de Tapas e Petiscos de Galicia, que se celebrará do 10 ao 19 de outubro

Tapa de Rubén González (El Cafetín) en 2022
Tapa de Rubén González (El Cafetín) en 2022 / De Tapas por Galicia

Trasmallo, El Cafetín e Feroz de Pontevedra e Asador - Cafetaría Castelao de Sanxenxo participarán os días 20 e 21 de outubro no IV Campionato de Tapas e Petiscos de Galicia. Os nove días anteriores, como adianto, as súas propostas poderán degustarse nos seus locais.

Será como parte da IV Ruta de Tapas e Petiscos de Galicia, que se celebrará do 10 ao 19 de outubro en máis dunha trintena de bares e restaurantes repartidos polas catro provincias galegas.

Os locais ofecerán ao público a oportunidade de deleitarse, a pé de barra, con elaboracións cheas de sabor e creatividade que se degustan nun máximo de tres bocados.

As propostas pontevedresas completaranas La Tula (Vigo), Pandemillo Taberna Mariñeira (Cangas) e Amery Kozi (Vigo).

Cada establecemento participante contará cun cartel identificativo da ruta, onde se indicará o nome da tapa que ofrece.

As tapas deste percorrido pódense consultar en Instagram e Facebook: academiadelatapaydelpintxo.

Anímase aos clientes a compartir esta experiencia gastronómica en redes sociais usando o hashtag #roteirotapasgalicia ou mencionando á Academia, para difundir a creatividade e a riqueza da gastronomía galega.

Será o aperitivo perfecto para o IV Campionato de Tapas e Petiscos de Galicia, que se celebrará no Mosteiro de San Pedro de Rocas, en Esgos (Ourense).

Así o indico este xoves o presidente do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), Rosendo Fernández, que dixo que esta ruta será "a antesala doutra exitosa edición do Campionato de Tapas e Petiscos que acollerá a nosa provincia, e que permitirá xa dar boa conta da calidade agroalimentaria do noso territorio".

José Luís Rodríguez, delegado comercial de Estrela Galicia, cervexa oficial do certame, destacou o compromiso da marca coa promoción da gastronomía galega, así como do talento dos profesionais da hostalaría, aos que a compañía apoia de forma constante a través dun gran número de iniciativas ao longo de todo o territorio.