Catro novos 'xogos na rúa' para o inverno pontevedrés

Pontevedra
06 de novembro 2022

Os meses de novembro e decembro tamén é época dos Xogos na Rúa. Ata catro propostas lúdicas celebraranse na cidade para converter o espazo público nun punto de encontro lúdico e interxeracional e contribuír a construír os barrios

Xogos na Rúa. II Campionato Interbarrios
Xogos na Rúa. II Campionato Interbarrios / Cristina Saiz

Os meses de novembro e decembro tamén é época dos Xogos na Rúa. Ata catro propostas lúdicas celebraranse na cidade para converter o espazo público nun punto de encontro lúdico e interxeracional e contribuír a construír os barrios.

Nesta ocasión nenos e maiores poderán gozar con xogos tradicionais -xogos de "tempada" como os trompos-, quedar para ir na procura dun tesouro, participar en xincanas por barrios que non son o seu ou participar nun escape barrio co que aprenderán algo máis da historia do lugar.

Nos xogos tradicionais poderá participar calquera interesado o domingo 13 de novembro, de 11:00 a 13:00 horas, nos barrios de Monte Porreiro, Pontevedra Leste e Campolongo.

O sábado 26 de novembro, entre as 17:00 e as 19:00 horas, será a procura do tesouro polo barrio da Moureira. Coa axuda dun mapa, pistas e probas espalladas polo barrio, as familias deben atopar o tesouro agochado.

A xincana entre barrios será, pola súa banda, o domingo 11 de decembro, entre as 11:00 e as 13:00 horas. Nela, Campolongo xogará no Gorgullón, Pontevedra Leste en Valdecorvos, Valdecorvos en Campolongo e O Gorgullón en Pontevedra Leste.

A última proposta, o xogo de 'escape', invitará aos participantes, con probas de habilidade, inxenio e observación lograr saber máis do lugar. A cita será o martes 27 de decembro, de 17:00 a 19:00 horas no centro hisrtórico e O Burgo.

Nos Xogos na Rúa poderán participar familias ou grupos de amizades cando menos cun neno maior de 3 anos e menor de 12 anos e unha persoa adulta ao cargo. O equipo debe ter un mínimo de 3 persoas, co fin de que podan participar dun xeito activo en todas as propostas.

Para xogar é preciso inscribirse. A inscrición será de balde e obrigatoria a través de www.apuntate.pontevedra.gal.

Un Xogarrúas dará a coñecer, o mércores 9 de novembro (de 17.00 a 18.30 horas) o programa de actividades, cun desfile lúdico e interactivo pola cidade ao tempo que animará á participación.

Os Xogos na Rúa é unha iniciativa da concellería de Promoción da Cidade.