Catro policías e tres vixiantes para reducir un menor violento no Hospital Provincial

Pontevedra
18 de xuño 2019
Actualizado: 19 de xuño

O menor, procedente do Avelino Montero, púxose violento e comezou romper o mobiliario do centro ameazado con agredir ao persoal de seguridade que fora requirido polo persoal facultativo debido ao estado de agresividade do paciente

Hospital Provincial
Hospital Provincial / Mónica Patxot

O sindicato UXT informou dun novo incidente rexistrado este martes cun paciente menor de idade procedente do Avelino Montero que tivo que ser reducido por catro policías e tres vixiantes.

O menor púxose violento e comezou romper o mobiliario do centro ameazando con agredir ao persoal de seguridade, que fora requirido polo persoal facultativo debido ao estado de agresividade que amosaba o paciente.

Estas mesmas fontes sindicais engaden que o pasado domingo viviu unha nova agresión en urxencias que provocou a baixa por lesións da vixiante de seguridade.

Esta muller acudira á chamada do persoal médico por un paciente psiquiátrico en estado violento que estaba a agredir aos facultativos saíndo lesionada na súa intervención.

Desde a UXT e "ante a reiteración de feitos e necesidades insatisfeitas", volven solicitar ao Sergas que estude un "aumento significativo" do persoal de seguridade, así como a súa dotación de medios, "para dar unha resposta efectiva a este tipo de situacións, que por desgraza, cada vez son máis frecuentes e que na situación actual é practicamente imposible o manter un clima de seguridade necesario no centro hospitalario".

AVELINO MONTERO

Tamén desde o sindicato FTSP-USO informan do "aumento considerable" das agresións de internos cara aos vixiantes de seguridade que prestan os seus servizos nas instalacións do Centro de Menores Avelino Montero. Aseguran que no último mes tiveron que intervir en máis de 30 ocasións por situacións de conflitividade producidas polos menores, "algunhas destas intervencións saldáronse con senllas lesións producidas polos menores aos vixiantes, un ombreiro dislocado, dous casos de fisuras nas costelas, etc".

Desde a FTSP-USO afirman que os medios de protección dos que dispoñen os vixiantes de seguridade "son nulos ou completamente insuficientes" para conter aos menores no caso de que se produzan liortas ou intentos de agresión cara aos coidadores. Solicitan que "como mínimo" se lles dote "urxentemente" de chalecos e luvas anti-trauma/picada, "así como que se inicie con présa un estudo para a implementación de medios de contención, xa que na actualidade a contención chegouse a facer utilizando colchóns para evitar posibles lesións de menores, coidadores e persoal de seguridade".