As praias de Bueu contan desde este venres coas bandeiras azuis que recoñecen a calidade dos seus areais e servizos.
O acto de izado de bandeiras tivo lugar na praia de Lagos e contou coa participación da concelleira de Promoción Económica e Turismo, Silvia Carballo; a tenente de alcalde, Isabel Quintás; o edil de mantemento de viarios, Celso Dopazo; e o equipo de socorristas.
Bueu mantén este verán as catro bandeiras azuis nas praias da Banda do Río (Area de Bon), Portomaior, Lagos e Lapamán.
Para iso, a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) valorou aspectos como a calidade das augas, a seguridade, os servizos e instalacións dispoñibles, así como a información e educación ambiental.
Ademais, o municipio revalida o distintivo de Centro Azul para o Estaleiro de Purro, na Banda do Río, e conserva tamén os recoñecementos do carreiro de Cabo Udra, a aula da natureza e o Centro de Interpretación de Agrelo.
Desde o Concello destacan que, ao longo destas semanas, a brigada de obras e servizos, en coordinación coa área de Turismo, encargouse de instalar as casetas, o balizamento, colocar os baños portátiles, sinalizar a zona, limpar e rozar os accesos.
Así mesmo, lembran que o servizo de socorrismo está operativo desde comezos de mes nos catro areais con bandeira azul, así como na praia da Banda do Río.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.